A mostra inaugúrase este venres ás 16:00h
Este venres, 6 de setembro, ás 16:00h. inaugúrase unha nova exposición na Casa da Cultura de Chantada, da que se poderá desfrutar ata o 30 de setembro. O horario de visitas é de luns a venres de 21:00h. a 15:00h. e de 16:00h. a 18:00h. e os sábados, domingos e festivos de 10:00h. a 14:00h.
A Casa da Cultura de Chantada convida así a unha viaxe pictórica por algunhas citas importantes na tradición galega da man da pintura de Walfraga (Waldirene Silva).
A autora, nada en Minas Gerais, Brasil, no 1968, iniciouse na pintura no 1990 e desde aquela ten desenvolto exposicións en Brasil e en España. Desta banda do Atlántico, en lugares como o Centro Cultural Puerta de Toledo, o Centro Cultural Ayuntamiento de San Martín de la Vega, na Galería de Arte Arquestion de Ourense ou en Amigos da Fundación de Santiago de Compostela.
Waldirene Silva traballa o estilo académico-figurativo utilizando a técnica de óleo sobre lenzo. A Chantada trae pezas que nos presentan a Rapa das Bestas, os tradicionais entroidos de Ourense ou pinceladas do noso folclore e da nosa música.