Actual, Concello, Novas|

O Parque foi obxecto de importantes melloras durante este verán

O Parque Eloísa Rivadulla de Chantada que durante este verán foi obxecto de importantes obras de mellora nas súas instalacións e parque infantil vén de ser vítima de numerosos actos vandálicos esta madrugada.

Este venres pola mañá persoal municipal que comprobaba as instalacións do Parque Eloísa Rivadulla atopouse con numerosos desperfectos na zona, “Fixéronse destrozos no mobiliario urbano, nos baños públicos e na zona de bambáns, ademais de pintadas en edificios e mobiliario. Isto é vergonzoso, desde o Concello non podemos máis que condenar este tipo de actos vandálicos que supoñen un atentado á calidade de vida dos veciños e veciñas de Chantada e supoñen un atentado contra os recursos de todos”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Desde a Brigada Municipal de Parques e Xardíns avisouse á Policía Local do sucedido e tamén se deu parte á Garda Civil para que se investiguen estes feitos e quen os puido cometer.

“Ás veces danse sucesos pequeniños como o roubo de plantas e arbustos que o Concello de Chantada xa denunciara en abril, pero parece que agora cebáronse con esta zona de Eloísa Rivadulla e teremos que tomar algún tipo de medidas”, conclúe o alcalde.

As áreas verdes e baños do Parque Eloísa Rivadulla acondicionáranse este verán a través do Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro VIII e en agosto completábase a ampliación e mellora da zona de xogos cun investimento de 48.400€.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca