Actual, Concello, Novas|

O Magosto, Cantos de Taberna, Xogos Bravús e a I Feira de Artesanía completan a programación

Chantada acolle os días 1 e 2 de novembro unha nova edición do Castañazo Rock, cita icónica que se celebra desde 1993 e que despois de varios parénteses, como o da pandemia da Covid, chega este ano á 19 edición.

Do acto de presentación, hoxe no Auditorio Municipal de Chantada, participaron o Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a responsable da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, Iria Castro e Paulo Gómez e Sara Taboada da asociación promotora, a Asociación Cultural O Castañazo.

O Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, destacou o traballo da Asociación Cultural O Castañazo por seguir apostando por este Festival que é un referente na programación do outono no país, “O Castañazo Rock demostra que hai canteira para seguir celebrando o Festival. Desde o Concello de Chantada seguiremos colaborando económica e loxísticamente para seguir colleitando éxitos con esta cita que trae ao municipio a multitude de persoas e crea ambiente de festa na vila”.

Iria Castro felicitou á Asociación organizadora por ser un referente en Galicia e destacou a importancia de que a xente nova promova actividades culturais no interior de Galicia, “É importante que nazan iniciativas desde abaixo, nas que a xuventude amosa a vontade de querer quedarse aquí e ter opcións de lecer”.

Os concertos desenvolveranse, como é habitual, nas instalacións do Mercado Gandeiro. A apertura de portas farase os días 1 e 2, ás 19:00h para as 20:00h dar comezo aos concertos. Nesta edición contarase o venres 1 de novembro coas actuacións de Los Chikos del Maíz, Boikot, Zetak, Mondra, Quinkillada e Cool Nenas. O sábado, 2 de novembro, os concertos correrán por conta de Lendakaris Muertos, The Baboon Show, Lontreira, Dios Ke Te Crew, Boyanka Kostova. Entre concertos haberá música de DJ Sonora Balkumbiera. O Festival conta con zona de acampada gratuíta e roupeiro habilitados nos pavillóns dos colexios.

Ademais dos concertos organízanse actividades paralelas para dar ambiente a toda a vila. No Auditorio Municipal haberá exposición de traballos sobre O Castañazo, realizados polo alumnado dos diferentes centros de ensino. O 2 de novembro celebraranse os Cantos de Taberna, que comezarán ás 15:00h, partindo da Praza de Santa Ana, coa participación de 12 grupos que percorrerán 11 bares da vila.

Colabora cos Cantos de Taberna, o Entroido Ribeirao, que levará os seus personaxes no percorrido polos bares para poñer en valor esta emblemática tradición do Entroido. Ao redor das 18:00h prevese o remate dos Cantos de Taberna, aos que seguirá o pasarrúas de Mekanika Rolling Band.

Como actividades complementarias, como é habitual, contarase con magosto que se celebrará o 2 de novembro as 19:00 no Recinto do Festival. Mentres que o Ourizo Miúdo terá lugar nesa xornada, ás 11.30h no Auditorio Municipal de Chantada, onde crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión con Brais das Hortas.

Nesta edición recupéranse os Xogos Bravús que se desenvolverán na Praza do Cantón o día 1 de novembro nas categorías de Individual (comezo ás 16:00h.) e Equipos (comezo ás 17:00h.) Establécense as seguintes probas: Rebola Bolo, Lanzamento de Ourizo, Carreira de Leiteiras, Debulla Millo e Movemento de Marco.

Como novidade nesta 19 edición organízase a I Feira de Artesanía, que se celebrará na Praza do Cantón os días 2 e 3 de novembro. Os 11 postos participantes abrirán o 2 de novembro de 11:00 a 19:00h e o 3 de novembro de 11:00 a 14:00h. Nenas e nenos contarán no mesmo escenario con actividades infantís a cargo de Velaísca, o domingo en horario de mañá.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca