Actual, Concello, Novas|

A obra contou cun orzamento de 34.000€

O Concello de Chantada decidiu ampliar o servizo de Arquivo Municipal habilitando o edificio da antiga cámara agraria. Recupérase así unha instalación do casco antigo da vila ao tempo que o servizo de arquivo se fai máis operativo por proximidade coa Casa Consistorial. Deste modo auméntanse espazos para o arquivo do que dispón o Concello nos baixos do Telecentro. As novas dependencias da antiga cámara agraria posibilitan un servizo máis funcional.

“Recuperamos este edificio que forma parte do casco histórico e estaba en desuso desde que deixou de funcionar a cámara agraria. Saneáronse paredes, nas fachadas aplicouse un tratamento monocapa de acordo coa guía de cores da Xunta de Galicia, eliminouse o fibrocemento, repuxéronse uralitas e colocáronse novas tellas curvas, dándolle unha imaxe máis acorde coa contorna”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

A obra fíxose cunha subvención da Xunta de Galicia para a corrección de impactos paisaxísticos, de modo que para un orzamento total de 34.000€, subvenciónanse 20.000€.

O Concello de Chantada leva tres anos accedendo a estas subvencións a través doutra liña que permitiu mellorar o acondicionamento dos lavadoiros de Zaquín e da Portada en Santo Estevo. Este ano na mesma liña de impactos paisaxísticos arranxouse a fonte de Caíbe e con outra liña da subvención acondicionouse o edificio para Arquivo Municipal.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca