Trátase da primeira mostra da pintora novel Isabel Vázquez
Este sábado, 2 de novembro, ás 12.30h. inaugúrase a exposición que protagonizará este mes na Casa da Cultura de Chantada. A taboadesa residente en Chantada, Isabel Vázquez, presenta Imaxes. Unha trintena de obras en óleo onde predominan as figuras humanas e as paisaxes que a autora lle gustan ou interesan.
Isabel Vázquez é autodidacta. Para esta pintora vocacional, a mostra da Casa da Cultura de Chantada convértese na súa primeira exposición. As súas pezas son un reflexo de como ela percibe o mundo e consegue plasmalo a pesar de problemas físicos e de intolerancia aos químicos que lle supoñen un condicionamento ao exercicio da pintura.
“Pinto ao meu xeito”, asegura a autora, “comecei como terapia durante a pandemia e serviume de refuxio nun momento moi catastrofista para min por motivos máis alá da propia pandemia. A pintura dame desconexión, felicidade, tranquilidade”.
Imaxes pode visitarse polas mañás, de luns a sábados de 10:00h. a 14:00h. e polas tardes de luns a venres, de 16:00h. a 20:00h.