Na vila desenvólvese o programa de pintura e nas parroquias comezaron as clases de ximnasia
O Concello de Chantada, a través da concellaría de Servizos Sociais e Benestar, pon en marcha unha nova campaña de actividades para maiores. Esta semana comezouse en 13 parroquias cos cursos de ximnasia. As actividades desenvólvense dúas veces á semana por parroquia, de luns a venres polas tardes segundo o seguinte calendario:
- Luns en Muradelle, Argozón, Laxe e Merlán
- Martes en Requeixo, San Cristovo, Viana, Veiga, Mariz, Brigos e Nogueira
- Mércores en Muradelle, Argozón, Laxe, Sabadelle e Merlán
- Xoves en Requeixo, Veiga, Mariz e Nogueira
- Venres en Sabadelle, San Fiz e Brigos
Na anterior edición participaron destes cursos 200 persoas. Lembran desde o Concello de Chantada que as parroquias interesadas en contar con estes cursos de ximnasia poden solicitalos nas oficinas de Servizos Sociais ou no teléfono 982 462 299. “As parroquias interesadas en acoller estes cursos gratuítos deben de contar cunha casa escola ou local social onde desenvolver a actividade e xuntar a un mínimo de 6 persoas por parroquia”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Pola súa banda a veciñanza da vila conta co Programa de Pintura, que se desenvolve nas instalacións dos servizos sociais, no Edificio Multiusos. As clases de pintura en óleo teñen lugar os mércores desde as 16:30h ata as 19.00h. O curso de pintura en tela desenvólvese os venres, tamén de 16:30h. a 19:00h.
“A pintura xera unha gran satisfacción persoal ademais de innumerables beneficios para a saúde e o benestar. Con este tipo de propostas ponténciase a creatividade, trabállase a imaxinación e mellórase a autoestima, pero principalmente favorece a comunicación xa qua permite compartir tempo con outras persoas, socializar e conversar”, conclúe o rexedor.
Do Programa de Pintura participan, ata o momento, 60 persoas. Estes cursos destinados a persoas maiores de 65 anos e xubiladas/os prolongaranse ata o mes de xuño. As persoas que se queiran sumar ás clases poden inscribirse nas oficinas de servizos sociais.