Actual, Concello, Novas|

A lectura do manifesto será o día 25 ás 12:00h diante do Concello de Chantada

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada a través do CIM, Centro de Información á Muller, organiza unha ampla e variada programación para celebrar o 25N. O obxectivo das diferentes propostas é visibilizar as desigualdades de xénero para corrixilas, prestando especial atención á educación como base para unha sociedade sen violencias machistas.

A campaña de sensibilización do Concello de Chantada, que foi presentada pola concelleira de Igualdade, Pamela Fernández e a concelleira de Benestar e Servizo Sociais, María Cándida Carnero, desenvólvese co lema “Querémonos vivas, di non á violencia”.

Trabállase, por unha banda, na organización do Curso de Defensa Persoal para Mulleres, con datas aínda por determinar. As persoas interesadas poden inscribirse no CIM, na segunda planta do Edificio Multiusos.

Para o alumnado de secundaria dos IES Lama das Quendas e Val do Asma celebrarase un Escape Room contra a violencia de xénero. A actividade orientada a traballar as violencias machistas, consistirá nunha serie de pistas para reconstruír unha historia de amor, a través das follas do diario dunha rapaza e detectar nelas sinais de violencia de xénero. “Co escape room o alumnado coñecerá como unha relación aparentemente perfecta pode agochar unha relación baseada na manipulación e o control. Esta situación pode ser difícil de detectar para a vítima e o alumnado será quen denuncie. Trátase dunha actividade de grupo para traballar a escoita activa, que foi moi ben acollida polos centros de ensino”, explica a concelleira de Igualdade do Concello de Chantada, Pamela Fernández.

Os días 23 e 29 de novembro organízanse na Biblioteca Municipal dúas citas para os/as máis pequenos/as da casa. O sábado, 23 de novembro, desde as 11:30h contarán cun Obradoiro de Cómic, “As Superheroínas do noso pobo”, con Estefanía Padullés. Xa o venres, 29 de novembro, ás 17:00h contarase co espectáculo de narración oral con perspectiva de xénero, “Estrelas” con Sole Felloza.

O acto central da celebración do 25N será nesta mesma xornada coa lectura do manifesto en contra da violencia de xénero e en lembranza das vítimas, que terá lugar na Praza do Cantón, diante do Concello de Chantada, ás 12.00h.

Esta programación complétase cunha campaña de divulgación sobre a xornada que se leva a cabo co reparto de carteis e pancartas na capitalidade municipal. “O ano pasado funcionou moi ben o reparto de carteis no comercio e na hostelaría da vila. A Casa Consistorial xa conta coa súa pancarta e levamos tamén os carteis aos distintos paneis informativos como o do Centro de Saúde. Estamos ampliando esa parte de divulgación e visibilización das violencias machistas repartindo 300 carteis por todos os espazos de Chantada”, asegura Pamela Fernández, que convida a toda a cidadanía a participar destas propostas enfocadas a acabar coas diferenzas de xénero.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca