Con este galardón prémiase a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna
O movemento Vilas en Flor, que se implanta en Galicia no 2018 promovido pola Fundación Juana de Vega, celebrou este venres en Salvaterra de Miño, a entrega destes galardóns que recoñecen as boas prácticas ambientais nos municipios de menos de 40.000 habitantes.
Con este galardón prémiase a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Participaron desta edición 42 municipios; por provincias, na Coruña hai 13 concellos adscritos ao programa; 20 en Pontevedra; 2 en Lugo e 7 en Ourense. De todos, o Concello de Chantada é dos máis premiados ao obter unha nova puntación de 4 Flores de Honra e xa son 7 recoñecementos desde o comezo do movemento.
Recolleu o galardón o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que mostraba o seu agradecemento e satisfacción por ser referente entre as administracións locais no coidado do medio ambiente, “Moi agradecidos ao movemento Vilas en Flor e contentos polo traballo que realiza a brigada de Parques e Xardíns para poder acadar por sétimo ano consecutivo este recoñecemento. Facemos un traballo moi agradecido por ser para o benestar da veciñanza e das persoas que nos visitan, converténdonos nun referente municipal no coidado dos xardíns, zonas verdes e medio ambiente”.
O Goberno Municipal leva apostando desde o comezo por ter máis zonas verdes, recuperando espazos agradables e cheos de natureza en beneficio dos cidadáns. Este ano destaca a creación do gran espazo verde no Parque Eloísa Rivadulla, adecentouse con especies arbustivas unha pequena zona na Avenida de Lugo. Restauráronse e creáronse novas xardineiras na praza de Galicia e outras feitas de madeira na rúa do Parque, cun traballo constante de urbanización de novos espazos ou de remodelación e cambio de uso.
Neste 2024 ademais nos maceteiros non só se utilizaron plantas de tempada senon novas especies que aguantan máis tempo e dan outras vistosidade como acontece na Praza de Santa Ana.
Trabállase tamén no tratamento das infeccións que collen as as árbores do río, levarase a cabo unha poda e unha plantación para manter ese pulmón verde a carón do río. Neste sentido actuarase tamén en novas zonas repartidas polo municipio, como o parque Eloísa Rivadulla, ao carón do pavillón en Concepción Arenal, na Avenida de Monforte detrás dos colexios ou en Pardo Bazán, “grandes zonas verdes que iremos adaptando estes anos. Seguimos apostando por dar un toque medio ambiental e de desfrute, aí está tamén o concurso de embelecemento de fachadas que puxemos en marcha este ano con grande éxito”, destaca o alcalde.
Vilas en Flor busca o recoñecemento do intenso labor que desenvolven os municipios de menos de 40.000 habitantes todo o ano para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar a súa infraestrutura verde, rural e urbana, para contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a súa saúde e promover sinerxías con outras actividades económicas coma o turismo.