A Muiñeira de Chantada ou a Rianxeira, cal é a canción máis representativa de Galicia?
Este 15 de novembro gravouse en Silleda, no Ecohotel Nós, un capítulo do programa “Morra o Conto”, que próximamente comezará na TVG. O programa enfronta, en clave lúdica e de confraternidade, elementos identitarios de Galicia.
Neste capítulo rivalizan a Muñeira de Chantada e a Rianxeira como canción máis emblemática ou representativa de Galicia.
Para asistir á gravación do programa, o Concello de Chantada puxo un autobús no que viaxaron, entre outros, 30 integrantes da Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada que interpretarían a Muiñeira de Chantada. “Colaboramos así na divulgación do nome de Chantada e das nosas tradicións, neste caso da Muiñeira de Chantada, sen dúbida peza clave na historia da música galega”, asegura o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
Mentres o bando que apoia á Rianxeira no programa destaca o feito de que teña letra; o bando que defende a Muiñeira de Chantada apóiase en que é máis antiga e tivo máis adaptacións, desde a primeira gravación que fixeron os gaiteiros de Soutelo de Montes ata a versión do artista Kike Varela con máis dun millón de reproducións, pasando polas interpretacións de Carlos Núñez, The Chieftains ou Susana Seivane.
Neste capítulo do programa “Morra o Conto” tamén se homenaxea a unha persoa vinculada coa música tradicional, que neste caso foi Óscar Rodríguez, director da Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada.
Quedamos á espera do desenlace entre a Muiñeira de Chantada e a Rianxeira.