O 4 de decembro celebrarase unha clase co coach deportivo Iván Sangiao
Nesta tempada 2024-2025 as Escolas Deportivas Municipais de Chantada celebran o seu 30 aniversario. O éxito das máis de 20 disciplinas que se ofertan desde o Concello de Chantada, a través da Concellaría de Deportes, fai que cada ano se introduzan novidades co obxectivo de promover nos distintos perfís de idade hábitos saudables e axudar á formación integral con actividades que fomentan as relacións e o respecto polos valores deportivos.
Nesta edición destaca o éxito de dúas actividades para nenos e nenas, o Voleibol e o Atletismo Cros. No Voleibol cóntase con case 40 participantes das que a maioría son nenas, “Levamos varios anos tentando facer equipo de volei e neste ano temos dous equipos, alevín que compite na Liga de Xogade e cadete a nivel federativo (ata nados na tempada 2009-2010), que comezan esta fin de semana a competición en Lugo. Trátase dun novo deporte que se tenta implantar en Chantada contando cunha monitora que competiu a un alto nivel, Juliana Ribeiro”, explica a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro.
A Liga de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar) na que participan as chantadinas é un programa da Xunta de Galicia con carácter provincial que se desenvolve durante o curso.
Co Atletismo Cros, que tamén compite en Xogade, fíxose na tempada pasada unha proba piloto para ver se había demanda. O resultado, numerosos/as nenos/as implicados/as cos seus pais e nais nunha actividade pensada para conectar coa natureza e aprender a camiñar polo monte. “Temos máis de 20 participantes aos que se suman os pais e nais. Desfrutan da actividade conectando coa natureza e aprendendo a respectar o monte. Está resultando moi gratificante con saídas de 4 a 7 quilómetros nas que camiñan e fan treitos de carreira con técnica, sempre orientado a crear grupo. Os pais/nais din que os/as nenos/as sempre queren máis e chegan felices a casa”, asegura Manuel Lorenzo Varela, alcalde do Concello de Chantada.
Cunha media de entre 550 e 600 participantes por ano, as Escolas Deportivas Municipais de Chantada desenvolven as súas clases no Pavillón Deportivo Municipal, nos pavillóns dos Centros de Ensino da vila, no Estadio Municipal do Sangoñedo e na Piscina Climatizada. As actividades deportivas para maiores teñen lugar principalmente a partir das 10:00h e das 20:00, mentres que as destinadas a rapaces e rapazas terán lugar principalmente polas tardes.
Encontro co coach deportivo, Iván Sangiao
Dentro da programación das Escolas Deportivas Municipais e vinculado co Atletismo Cros, este mércores, 4 de decembro, terá lugar unha clase co coach deportivo, Iván Sangiao, adestrador nacional e internacional de Trail, responsable técnico de Trail Running da Federación Galega de Atletismo.
A clase, destinada aos participantes nas Escolas Deportivas, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. Desenvolverase na contorna das Piscinas Municipais desde as 18:30h.