Este 22 de abril de 10:00 a 12:00h no Auditorio Municipal de Chantada

O Concello de Chantada a través da concellaría de Servizos Sociais e a ONGD SenValos organizan para o mércores 22 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas, unha xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes en España.
A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas interesadas: migrantes en situación administrativa irregular, persoas solicitantes de protección internacional, familias con menores ao seu cargo, profesionais do ámbito social, educativo e comunitario, así como á veciñanza interesada. Ademais de empresas e persoas empregadoras que nestes momentos conten con persoas traballadoras con solicitude de protección internacional, ou que estean interesadas en incorporar novo persoal que poida beneficiarse deste proceso extraordinario de regularización.
Así durante o encontro ofrecerase información clara, práctica e actualizada sobre o novo proceso extraordinario de regularización habilitado pola reforma do Regulamento de Estranxeiría, unha oportunidade relevante para moitas persoas migrantes que se atopan en España. A regularización pode solicitarse con carácter xeral, ata o 30 de xuño de 2026. Esta reforma incorpora novas autorizacións por circunstancias excepcionais, tanto para persoas solicitantes de protección internacional como para persoas en situación administrativa irregular que cumpran determinados requisitos.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, convida á participación debido á alta demanda de información que hai no concello por parte destes perfís de poboación, “Moitas persoas precisan saber se poden acollerse á regularización extraordinaria e que pasos deben dar para preparar o seu expediente. O obxectivo é favorecer procesos de inclusión social e laboral en condicións de maior dignidade”, ao tempo que se dá resposta ás necesidades do tecido empresarial.
Durante a xornada abordaranse cuestións clave como os requisitos de acceso, os prazos, a documentación necesaria, as diferenzas entre as distintas vías de regularización e as implicacións prácticas que pode ter este proceso tanto para as persoas solicitantes como para as súas familias. Así mesmo, prestarase especial atención ao feito de que estas novas vías poden levar asociada unha habilitación provisional para residir e traballar durante a tramitación da solicitude, un aspecto de grande interese desde o punto de vista da inclusión laboral e da seguridade xurídica. A ONGD SenValos e o Concello de Chantada reforzan así o seu compromiso coa acollida, a inclusión social e a defensa dos dereitos das persoas migrantes.







