Actual, Concello, Novas|

Xornada divulgativa: Galicia porta de entrada da eclipse, implicacións territoriais

O Auditorio Municipal de Chantada acolleu este martes a xornada de divulgación: Galicia porta de entrada da eclipse, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia nos Destinos Starlight para coordinar co sector turístico local o fenómeno excepcional que se producirá o 12 de agosto coa eclipse total de sol.

Durante toda a xornada celebráronse charlas e actividades destinadas a ofrecer información práctica sobre a eclipse, cales son os mellores lugares para avistala, as indicacións para facelo de forma segura ou simulacros e prácticas de fotografía.

Na mesa redonda sobre as implicacións territoriais da eclipse, o astrofísico, Borja Tosar, comezou explicando as características do fenómeno que non se produce na Península desde 1912 e non volverá repetirse ata o 2180. A franxa de totalidade atravesará o territorio galego desde Estaca de Bares ata Valdeorras. 143 concellos galegos ocupan unha zona de observación privilexiada, abarcando a práctica totalidade da provincia de Lugo.

“Non hai experiencia máis espectacular, é o máis sobrecolledor que podes ver na túa vida. Xente de toda Europa, EEUU, Xapón,…as eclipses totais mobilizan a milleiros de persoas. Esperar que non estea nubrado. Profesionais e cazadores de eclipses optarán por Palencia que reúne as condicións de visibilidade e durabilidade máis elevadas”, entusiasmado refírese Tosar ao evento que comezará arredor das 19:31 horas e prolongarase ata as 21:23 horas, acadando o seu momento de máxima escuridade entre as 20:28 e as 20:30 horas.

A Xefa da área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia, Paloma Vázquez destacaba a responsabilidade do traballo previo de coordinación entre administracións e o sector para preparar esta celebración que coincide en plenas vacacións de agosto, “non podemos anticipar, pero esperamos moitos desprazamentos que nunca se viron, temos a eclipse do 2024 en EEUU como exemplo de loxística. Hai que xerar coñecemento sobre o que pode pasar. Ter previstos nos concellos puntos de observación accesibles e seguros, e esperar todos posibles aglomeracións e facer previsións para a desescalada”.

No caso de Chantada, Borja Tosar insistiu en que a condición de Starlight do Municipio non é determinante para a visión da eclipse que precisa de horizontes e ceos despexados, pero si ofrece a posibilidade despois do fenómeno de gozar da posta de

sol e das Perseidas, podendo facer unha desescalada gradual, “O ceo é un recurso como a gastronomía, a paisaxe, o patrimonio, pero non estamos acostumados ao que temos. Chantada ofrece un espazo privilexiado e facilmente accesible para a observación do ceo nocturno. Despois da eclipse poder seguir desfrutando aquí do ceo é un privilexio”.

Desde o sector turístico, Jacobo Lorenzo Gay, do Hotel Mogay de Chantada referiuse a que a eclipse será unha oportunidade para analizar o comportamento da demanda, “nas semanas previas coa información meteorolóxica máis próxima poderemos saber mellor que esperar. Será un reto para a labor de coordinación das administracións e unha oportunidade moi boa para sensibilizar sobre a observación astronómica, que se pode facer noutras épocas e momentos. É unha oportunidade para que quen veu, regrese a gozar cos outros recursos que temos”.

Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, lembrou que semanas antes da eclipse se coñecerá se a Ribeira Sacra é Patrimonio da Humanidade, o que pode intensificar o efecto chamada cara este territorio, “A eclipse é unha oportunidade moi boa, pero hai que ser cautelosos, estamos ante un fenómeno complexo e inédito do que imos aprender moito. Os establecementos deben intentar repartir á xente polo territorio, os miradoiros non son os mellores lugares desde os que mirar a eclipse. Importante que a xente planifique as visitas a todos os recursos porque vai haber moita máis xente da normal e temos que poder anticiparnos para planificar mellor os servizos. A isto engadirase moita xente de última hora”.

Na mesa redonda coincidiuse en que a eclipse é unha boa oportunidade para que se fale de Galicia e sexa un reclamo para as zonas do interior, “oxalá teñamos ceos despexados e non haxa incendios”. Apelouse á responsabilidade propia para conseguir que todo saia ben e a experiencia poida ser un elemento dinamizador para asentar poboación, “un punto de inflexión para promocionar máis todo o local promovendo todos os recursos”.

Animouse aos concellos a apoiarse no voluntariado para tarefas de coordinación na xornada do 12 de agosto e lembrouse que este mércores e mañá, 30 de abril, son os “días espello” para anticiparse a onde localizarnos para a eclipse, “estas xornadas son idóneas para anticiparnos e poder localizar o noso espazo para ver a eclipse. O sol vai estar á mesma hora, cunha diferenza duns minutos, na mesma posición do 12 de agosto. Se non prevés onde velo, non o vas ver”, conclúe Tosar.

A xornada que remataría pola tarde cunha actividade práctica de observación e fotografía da eclipse; era presentada pola mañá coa participación do delegado territorial, Javier Arias e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela que destacaron a provincia como un dos mellores lugares para avistar este fenómeno excepcional. O rexedor lembrou que a eclipse en Chantada pode rematar coas Perseidas e Arias lembrou as xornadas promocionais que terán continuidade o 10 de maio no Destino Starlight dos Ancares.

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca