Un proxecto de AFA Chantada para poñer en valor a memoria e a identidade cultural

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 29 de maio a exposición “Fotografías de Tradicións para o Recordo”, un proxecto de AFA Chantada (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias Neurodexenerativas). A iniciativa quere poñer en valor a memoria, a identidade cultural e a experiencia vital das persoas maiores participantes no Servizo de Envellecemento Activo dos concellos de Chantada, Taboada, Carballedo e Palas de Rei.
A mostra reúne unha selección de fotografías antigas cedidas polas propias persoas usuarias e as súas familias. Trátase de imaxes cargadas de valor emocional e histórico, que recollen escenas da vida cotiá, celebracións, traballos e tradicións, configurando un valioso arquivo da memoria colectiva.
Un dos elementos máis singulares do proxecto é a intervención artística realizada sobre estas imaxes históricas, que foron superpostas con fotografías actuais dos mesmos espazos. Esta técnica xera composicións visuais que evidencian o paso do tempo e a transformación da contorna, ao tempo que subliñan a permanencia da identidade cultural.
“Fotografías de Tradicións para o Recordo” preséntase así como unha proposta que fomenta o diálogo interxeracional, contribúe á posta en valor das historias familiares e actúa como ferramenta de estimulación emocional e reforzo do orgullo persoal nas persoas maiores,” sinalan desde AFA Chantada.
A iniciativa desenvolveuse co apoio da Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, no marco do seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio cultural galego. A exposición chega a Chantada coa colaboración do Concello de Chantada e pode visitarse en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h de luns a venres e de 10:00h a 14:00h, os sábados.









