As persoas usuarias aseguran que agora estase de marabilla

A Piscina Municipal Climatizada do Concello de Chantada conta nas súas instalacións coa piscina cuberta climatizada e os correspondentes vestiarios e dúas zonas de ximnasio, unha sala específica con aparatos de ximnasia e unha sala de fitness.
Nestas dúas salas a concellaría de Deportes vén de renovar o sistema de ventilación, actuacións ás que se destinaron 6.000€ de fondos propios.
Desde a concello de Chantada destacan a satisfacción dos usuarios ante esta medida que viñan reclamando despois das altas temperaturas dos últimos veráns nunhas instalacións onde non se poden abrir as ventás. “As persoas usuarias tiñan trasladado as dificultades para a práctica deportiva en situacións de altas temperaturas e coa posta en marcha do aire acondicionado aseguran que agora se está de marabilla”, afirma o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
A Piscina Municipal Climatizada de Chantada abría as súas portas no 2004 cunhas instalacións de 2.183m2 ás que máis tarde se sumarían as piscinas exteriores para crear un complexo deportivo moi utilizado pola veciñanza, especialmente na tempada estival.







