Actual, Concello, Novas|

Crearase tamén unha zona verde na Rúa do Comercio

Nesta semana comezou a X edición do obradoiro dual de emprego Serra do Faro, que promove o Concello de Chantada en colaboración cos concellos de Carballedo e Taboada. Durante 9 meses, 20 persoas formaranse nos módulos de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (albanelaría) e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (xardinaría).

Os diferentes módulos irán rotando durante 3 meses en cada concello. No caso de Chantada os módulos de xardinaría e albanelaría centraranse no adecentamento dunha parcela na rúa Concepción Arenal para crear unha gran área verde. “Habilitarase este espazo como área recreativa con árbores, bancos, parque infantil e aparatos biosaudables. A obra inclúe mellora de acceso a vivendas, prazas de estacionamento e as luminarias correspondentes. Recuperaremos este espazo para o lecer dos veciños”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

No cruce da rúa do Comercio coa avda de Monforte adecentarase a zona que agora está con plaqueta e formigón, de modo que neste espazo colocarase pedra e máis vexetación para seguir mellorando a contorna do casco antigo.

Estas melloras coordinadas pola concellaría de Obradoiros completaranse con colaboracións no mantemento doutros espazos como o Monte de San Lucas, a contorna do Pavillón Municipal e do Paseo Fuvial, o Parque de Eloísa Rivadulla, e outras zonas verdes da vila.

No módulo de Atención Sociosanitaria daranse as clases formativas no Concello de Chantada e as prácticas no Fogar Residencial para persoas maiores de Carballedo.

 

 

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca