Actual, Concello, Novas|

A feira celébrase en Silleda do 4 ao 7 e xuño

Do 4 ao 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro do turismo e da cultura de Galicia coa celebración de TUREXPO e FESTUR, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia. Ambos certames conforman un atractivo espazo de promoción turística e cultural, integrado na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o principal evento multisectorial de mostras, negocio e lecer do noroeste peninsular.

O Concello de Chantada regresa un ano máis a esta cita, cun espazo propio desde o que dará a coñecer algúns dos seus principais recursos turísticos e patrimoniais. Entre eles destaca o Folión de Carros, unha das manifestacións culturais máis singulares do municipio, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia e Ben de Interese Cultural.

A promoción turística complétase con información sobre o Camiño de Inverno a Santiago, itinerario xacobeo que atravesa o municipio, de feito desde aquí fanse os quilómetros necesarios para conseguir a Compostela; o Entroido Ribeirao, unha das celebracións máis auténticas e características do territorio ou a Feira do Viño de Chantada que cada ano abre as Feiras do Viño na D.O. Ribeira Sacra.

Ademais da riqueza paisaxística, cultural e gastronómica, parte fundamental da información turística do Concello de Chantada é a súa condición de Municipio Starlight en espazos como o Monte do Faro ou a ribeira onde a calidade do ceo nocturno ofrece unhas posibilidades óptimas para a observación astronómica. En Festur, Chantada lembra aos visitantes que o 12 de agosto despois da eclipse solar total, desde o miradoiro natural no Monte do Faro pódense ver as Perseidas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca