Actual, Concello, Novas|

Divulgouse a campaña 5R: reducir, reusar, reciclar, respectar e reforestar

Este venres, 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, por tal motivo o Concello de Chantada a través das concellarías de Medio Ambiente e Parques e Xardíns pon en marcha a campaña 5R: reducir, reusar, reciclar, respectar e reforestar.

Así na xornada de hoxe e aproveitando a celebración do día de feira, o Concello de Chantada instalou na contorna da igrexa nova unha caseta informativa sobre a campaña. Nela o persoal de Parques e Xardíns ofrecía dípticos explicativos e entregaba árbores ás persoas interesadas.

Como esta mesma mañá se fixo tamén co alumnado de primaria dos CEIP Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, entregáronse castiñeiros, carballos e serbais. Tamén participaron da xornada o alcalde, Manuel Lorenzo Varela e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Otero. Desde o concello de Chantada queríase facer fincapé nesta xornada en dúas das R, reforestar e respectar, “Entregamos estas árbores para que a xente as plante nos seus xardíns, con esta xornada queremos potenciar a reforestación e concienciar sobre o coidado das nosas áreas verdes”.

O concello de Chantada desenvolve constantes iniciativas para mellorar a recollida selectiva de lixo e que a xente recicle. No punto limpo melloráronse e ampliáronse as instalacións para a recollida de aveños e grandes residuos, o servizo complétase cos puntos limpos móbiles nas parroquias e cando a tempada o demanda faise a recollida de plásticos agrícolas. “O obxectivo é seguir promovendo estas 5 R, que a xente recicle para que teñamos menos custes na recollida de orgánica e respectar e coidar as nosas zonas verdes. O Concello de Chantada planta cada ano sobre 7000 plantas de tempada nas áreas verdes ou nos arredores do Asma, facemos así unha vila máis verde e máis viva”, asegura o alcalde.

“Hoxe facemos unha chamada á reforestación para que sexa máis habitual e tamén a respectar os nosos espazos verdes, o mobiliario e as nosas zonas de lecer e zonas verdes para que nos protexan da contaminación”, conclúe o rexedor.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca