Actual, Concello, Novas|

Fotografías deste século na contorna

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 30 deste mes a exposición de fotografías de Xosé Manuel Otero, “Raíces”. A mostra inaugurábase o venres a última hora da tarde nun concorrido acto que contou coa asistencia do alcalde, Manuel Lorenzo e do propio autor, entre outros.

Natural desta comarca, Otero reside desde neno na cidade de Lugo. A súa andaina pública como fotógrafo comeza no 1994 coa participación na exposición colectiva “Feminino” da sala Bacavú de Lugo. Desde entón ten participado en máis de corenta exposicións individuais ou colectivas.

A proposta que trae a Chantada divídese en tres partes, unha máis creativa baseada en imaxes abstractas de xerras; outra de xentes e costumes da comarca e unha terceira parte con varios paneis. “Nestes paneis recollo fotografías que neste século fun acumulando de veciños da contorna, retratos persoais que a veciñanza retratada se pode levar na última semana da exposición”, explica o autor.

Noutro dos paneis recóllense fotografías de paisaxe e outro mostra unha mantanza tradicional, “aparecen todas as fases da matanza, lavar as tripas no río, matar a coitelo…é algo que me sobrecollía moito os porcos cando os ían matar, noutro momento este proceder era normal”.

Xosé Manuel Otero destaca a boa acollida da proposta depois da inauguración, “A xente tiña interese e párase nas imaxes, máis nas que lles son familiares, a Subida a Chantada, unha Feira do Viño ou a xente bailando nos Ángeles”, recorda Otero.

Raíces pode visitarse en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h de luns a venres e de 10:00h a 14:00h, os sábados.

 

 

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca