Inscricións abertas desde o 29 de xuño ata completar aforo

O Concello de Chantada era recoñecido o pasado ano como Municipio Starlight, o primeiro da Ribeira Sacra con esta distinción como referente na protección do ceo nocturno pola escasa contaminación lumínica e na promoción do astroturismo dentro do territorio.
A este respecto durante todo este ano o Concello de Chantada vén desenvolvendo unha programación específica sobre astroturismo destinada a poñer en valor este tipo de recursos. Despois de abrir as actividades o 19 de maio co obradoiro de iniciación á astronomía destinado ao sector turístico, a seguinte actividade terá lugar o mércores, 8 de xullo, coa primeira de varias xornadas de guiado e de observación estelar.
Desde a Oficina Municipal de Turismo de Chantada propoñen unha noite para descubrir o universo e as súas marabillas. As inscricións para participar nesta actividade gratuíta están abertas desde o luns 29 de xuño e ata completar aforo, podendo facerse unicamente a través do correo electrónico turismo@concellodechantada.org.
Estas actividades de observación estelar son impartidas por profesionais cualificados. As 25 persoas inscritas na primeira xornada de guiado daranse cita en Chantada o día 8 ás 22:15h para desde alí trasladarse ao punto de observación. Para máis información poden dirixirse á Oficina Municipal de Turismo de Chantada ou no 982 44 17 52.
As próximas citas co astroturismo en Chantada serán as seguintes:
- 19 de xullo, actividade de guiado e de observación estelar para público en xeral
- 6 de agosto, actividade de guiado e observación estelar para público en xeral
- 7 de agosto, charla divulgativa sobre a eclipse para público en xeral
- 4 de setembro, obradoiro de astrofotografía para público en xeral
Con este tipo de propostas o Concello de Chantada ofrece a veciñanza e visitantes experiencias astronómicas únicas nunha contorna privilexiada, “O municipio conta con espazos naturais excepcionais que realzan o valor do seu ceo nocturno, ofrecendo un marco incomparable para a observación de constelacións, a Vía Láctea e outros fenómenos astronómicos”, destaca o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.








