A celebración trasladouse ao Mercado Gandeiro

As familias do municipio de Chantada volveron a xuntarse este sábado por terceiro ano consecutivo para celebrar a Festa Interxeracional do Concello de Chantada, que reúne a avoas/avós e netas/os, pais e nais da vila e das aldeas, ademais de parentes que están fóra e aproveitan a visita á familia para participar desta celebración coa que tamén se dá a benvida ao verán.
Esta terceira edición superou as case 600 persoas do pasado ano e nesta ocasión déronse cita no Mercado Gandeiro de Chantada, onde estiveron acompañadas polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela; a concelleira de Servizos Sociais, María Cándida Carnero e outros membros do equipo de goberno.
Contouse con Misa Solemne oficiada por José Mario Vázquez Carballo, vicario da Diócese de Lugo e polo sacerdote da parroquia de Santa Mariña de Chantada, Manuel Areán Fernández. Posteriomente houbo uns petiscos seguidos do xantar popular, para rematar a última hora da tarde coa actuación da Orquestra Sintonía.
Durante a celebración entregáronse agasallos para todos, plantas para as mulleres preparadas desde a concellaría de Parques e Xardíns e desde o GDR Miño Ulla agasallouse aos homes cun pucho co logo de Chantada, corazón de Galicia. Á cativada entregáronselle lambetadas e, como novidade, as/os 40 nenas/os participantes contaron con colchoneta inchable e a atención dun monitor.
Precisamemente por unha necesidade de máis espazo para instalar a colchoneta infantil e a cociña do catering, cambiouse a localización ao Mercado Gandeiro con maior amplitude para establecer tamén zona de aperitivos separada da zona para comer.
Durante a celebración sorteáronse agasallos cedidos polas empresas locais que colaboraron con este encontro: Distribucións Calambuco, Os Pendellos, Adegas e Viñedos Vía Romana, Merca mas Chantada, Floristería Otilia, Joyería-Relojería Ángel, Electrodomésticos Perlada, Albarduxe, Adegas e Viñedos Lareu, Gadis, Xanela, Adegas Condado de Sequeiras, Vinosacra.es, Mi Detergente Chantada, Adega Castrofiz, Eroski, Os Cipreses, Adegas Amedo, Pilares de Belesar, Finca Pacio, Custom Drinks, Besbello Papelería Imprenta.
O Concello de Chantada agradece a colaboración de todas as empresas e persoas que fan posible esta celebración, e a todo o persoal do Concello que organiza esta xuntanza de confraternidade, “buscamos facer un recoñemento ás nosas persoas maiores que tanto sosteñen as nosas familias e tanto fixeron por este concello e que hoxe poidamos celebrar con festas así”, asegura Manuel Lorenzo Varela”.
Todas as fotos da celebración neste enlace: https://bit.ly/Fotos_III_Festa_Interxeracional_2026








