As obras comezarán despois do verán

O Concello de Chantada acometerá a mellora da zona de tránsito de vehículos na Praza de Santa Ana. O equipo de goberno plantexa levantar a pedra e darlle un tratamento integral á capa de rodadura para evitar os desperfectos que provoca nesta zona o elevado tránsito de vehículos.
Esta é unha das arterias principais da vila do Asma e como paso obrigado de moito tránsito durante a época estival, as obras de reforma darán comezo despois do verán, “Queremos mellorar o tráfico rodado neste punto, pero durante as obras será necesario facer unha reestruturación do tráfico e cortes nas rúas que afectarían ao tránsito de vehículos cando temos moita xente en Chantada. Comezarán as obras en canto remate o verán”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
O zona empedrada na Praza de Santa Ana soporta diariamente moito tránsito que inclúe o paso de camións, o que provoca desperfectos na pedra aos que lles hai que dar solución cada certo tempo, “deste modo conseguiremos unha solución definitiva para esta zona”, asegura o rexedor.
Entre tanto, o Concello de Chantada retirou as baldosas que se viron afectadas nos últimos meses e deu un tratamento provisional a base de formigón, que se retirará en canto se faga a rexeneración completa desta zona.







