Prazo aberto ata o 30 de setembro para a XX convocatoria do certame

Este venres, 3 de xullo, ás 20:00h preséntase na Casa da Cultura de Chantada o libro, “A explotación de arxila e a súa transformación nas terras do Condado de Pallares (século XIX e ss.)”, obra de Mª Ángeles Verea Castelo, que se fixo co premio da XVIII edición do certame que organiza a “Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares” e co que colaboran os concellos de Guntín, Taboada e Chantada.
A autora, nada en Boimorto é Licenciada en Historia da Arte e Doutora en Xeografía pola USC, exerce como profesora de Historia na Coruña. Descendente de saga de telleiros, compaxina a súa actividade docente coa investigación da cerámica en Galicia, centrada no estudo dos cabaqueiros do Baixo Miño e no Patrimonio Industrial.
Mentres a Casa da Cultura do Concello de Chantada acolle a presentación deste libro que pecha a edición XVIII, o Certame presenta a XX convocatoria e segue en elaboración o traballo premiado en 2025, “Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983)”, obra de Alexandre Varela Rubín.
Poden presentarse á XX convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares”, traballos de investigación orixinais e inéditos en lingua galega sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de admisión remata o 30 de setembro. Establécese un premio de 4.000 euros máis a publicación da obra gañadora, na que colabora a Secretaría Xeral da Lingua.







