El ritual de un payaso a exposición na Casa da Cultura

O Concello de Chantada comeza este mércores, 8 de xullo unha ampla programación cultural organizada pola Concellaría de Cultura para o Verán Cultural 2026. As actividades inclúen citas coa maxia, cine, teatro, música, circo, espectáculos infantís ou propostas do programa Cultura no Camiño que pon en marcha por 14º ano a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) en colaboración co Concello. A este respecto contarase co Verán Miúdo na Praza do Cantón e as Olimpiadas Tibu nas instalacións das Piscinas Municipais.
A programación, pensada para compartir en familia, terá como principal escenario a Praza do Cantón onde desde as 20:00h se desenvolverán a maior parte das actividades para público infantil. A primeira cita será este mércores, 8 de xullo co teatro de animación de Cabicivai. Unha semana despois, o 15 de xullo, tempo de clown e maxia coa primeira cita de Cultura no Camiño, Verán Miúdo. O mércores, 22 de xullo, a cita será con e-Mérito Teatro e no último mércores de mes, o día 29, representarase o espectáculo de rúa con textos de Cándido Pazó, Ñiquiñaque, do Centro Dramático Galego.
O sábado, 18 de xullo, a Praza de Galicia acollerá desde as 23:00h, “Xuntos pola música, concerto Lys Pardo e Antonio Barros”. O venres, 24 de xullo, a seguinte proposta de Cultura no Camiño lévase ás Piscinas Municipais de Chantada que desde as 18:30h acollerán o show infantil, Olimpiadas Tibu.
O mes de xullo complétase con tres citas musicais. O sábado, 25 de xullo, ás 22:30h concerto de Soul&Roll na rúa Leonardo Rodríguez e nesa mesma xornada ás 21:00h Nuno Louro actuará na Praza da Paz. O venres, 31 de xullo, a Praza da Paz acollerá un novo concerto a cargo de Sara de Sousa, desde as 22:00h.
No mes de agosto destacan na programación do Verán Cultural 2026, as Festas Patronais do Concello de Chantada, na honra á Virxe do Carme, que se celebrarán do xoves 20 ao martes, 25 de agosto e todas as propostas que terán lugar na Praza do Cantón, entre as que destacan a Mostra de Teatro e Cine no Cantón.
As actividades comezan o sábado, día 1, co espectáculo de clown, Merecidamente, ás 20:00h na Praza do Cantón. O mércores, 5 de agosto ás 20:00h, chega a cita coas acrobacias de Vértigo e o venres, 7 de agosto, Concerto Marimbas, tamén desde as 20:00h.
A Banda de Música de Chantada celebra o sábado, 8 de agosto desde as 20:00h o concerto baile, Noites á luz da lúa, para despois dar paso na mesma praza ás proxeccións de Cine no Cantón, que se levarán a cabo do martes, 11 de agosto ao venres 14 de agosto, desde as 22:00h.
Rematadas as sesións de cine, chegarán as representacións teatrais dunha nova edición da Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, que terá lugar ás 22:00h do luns 17, martes 18 e mércores 19 de agosto. O sábado, 29 de agosto, a danza e acrobacia de Circanelo, pechará a programación deste Verán Cultural no Concello de Chantada.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima á participación nas actividades, “No Concello de Chantada seguimos apostando por esas citas culturais na Praza do Cantón que todos os veráns contan con moita participación veciñal e introducimos novidades, ampliamos espazos e intentamos chegar a todas as preferencias con propostas a medida, principalmente para as familias”.
A programación do Verán Cultural queda aberta a posibles ampliacións que xurdan nas próximas semanas a maiores de programacións complementarias como as exposicións da Casa da Cultura do Concello de Chantada, que durante este mes acolle a exposición fotográfica, El ritual de un payaso, que recolle a visión de Ana Iglesias sobre a humanidade que habita detrás destes personaxes.








