Actual, Concello, Novas|

A histórica cita mellora a seguridade, a limpeza da contorna e a circulación do tráfico na vila

O Concello de Chantada segue acollendo a tradicional carreira automobilística con máis de medio século de historia que agora se chama, Subida Ribeira Sacra de Chantada. Cambia a organización e os promotores desta primeira edición son Chantada R.S Motorsport e Escudería Valdeorras, o que fai que a proba sexa puntuable para o Campionato de España de Montaña Autohebdo.

A cita presentábase este mércores a última hora da tarde na Adega Castrofiz, localizada na ribeira por onde pasa a carreira. Do acto de presentación participaron como representantes da organización, Miguel Jacobo Vázquez e José Manuel Torres presidentes de Chantada RS Sport e da Escudería Valdeorras, respectivamente; o anfitrión da presentación, Héctor Ferreiro da adega Castrofiz e vicepresidente do CRDORS e representantes das principais institucións colaboradoras; por parte da Xunta, o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; por parte da Deputación Provincial, Iago Suárez e por parte do Concello de Chantada o alcalde, Manuel Lorenzo Varela e a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro.

A carreira mantén o mesmo percorrido que na anterior Subida, 4,3 quilómetros da estrada LU C-533 (Chantada-O Saviñao), con saída desde a ponte vella para rematar na estrada de Chantada a Monforte de Lemos.

A celebración da proba implica os cortes de tráfico habituais e xa sinalizados na LU C-533, con desvío alternativo pola estrada CP – 1811 a través do encoro de Belesar. O sábado, 11 de xullo estará prohibida a circulación desde as 10:00h e ata a finalización dos adestramentos a última hora da tarde e o domingo, entre 7:30 e 15:00h, aproximadamente, dependendo do desenvolvemento da carreira.

Esta I Subida Ribeira Sacra de Chantada presenta importantes novidades con respecto a anteriores edicións das carreiras neste “circuíto”, por unha banda o parque de traballo localizarase no Mercado Gandeiro e tómanse medidas para non bloquear a circulación na vila, onde quedaba o acceso cortado na Avda de Monforte durante 3 días. “Este ano intentamos interferir o menos posible á veciñanza, chamounos moita xente advertindo das dificultades de anos anteriores para poder acceder normalmente ás casas; polo que este ano faranse únicamente cortes puntuais nos momentos de saída e chegada de vehículos, contando sempre co acompañamento e colaboración da Policía Local”, explica Miguel Jacobo.

Nesta I Subida Ribeira Sacra de Chantada participan 102 pilotos. O parque pechado seguirá sendo na rúa Xoán XXIII, onde tamén como novidade, se fará a entrega de premios para cuxa ceremonia se instalará un palco por parte do Concello de Chantada.

Tamén hai novidades na cerimonia de saída que se celebrará o venres ás 21:00h. Farase o  mesmo percorrido, saíndo por Avda de Monforte ata o centro de saúde e regreso á zona de Emilia Pardo Bazán. “E desde aí volverán por Xoán XXIII ao parque pechado ou ao mercado gandeiro, alongamos o percorrido para que a xente non se acumule e non haxa atascos na entrada”, explican desde a organización.

Ademais da novidades comentadas para esta primeira edición faise un importante esforzo en dúas áreas: seguridade e medio ambiente.

En canto á seguridade contarase con drons controlando todo o circuíto que transmiten información directa á dirección de carreira por se se dera algún percance poder atendelo ao momento. Desde a Federación Española de Automovilismo insistían na colocación do público polo que se tomaron medidas para desbrozar e sinalizar zonas altas máis seguras para ver a carreira. Tamén se actuou en varios puntos de perigo como a Curva do Carbón, que remataba nun muro no que se teñen producido accidentes, ou outras curvas das que os pilotos se queixaban en cuestións de seguridade.

En canto ao medio ambiente amplíanse os puntos de recollida de lixo, de modo que desde a concellalaría de Medio Ambiente se colocan contedores para que a xente poida reciclar, haberá tamén unha estación de reciclaxe móbil e a propia organización coloca bidóns para residuos en puntos estratéxicos.

Desde o Concello de Chantada agradeceron a traxectoria desta carreira e que se poida seguir celebrando como unha das probas de referencia no Campionato Nacional, “Era imposible que o Concello permitise que esta celebración se perdera, agradecemos o traballo feito en máis de 50 anos de Subida e felicitamos á nova organización que esperamos sume un novo éxito para Chantada”, aseguraba o alcalde.

A proba será puntuable para o Campionato de España de Montaña AUTOHEBDO e Dentro do evento CEM, dispútase o Trofeo Talleres O Convento-Exklusive Auto de carácter estatal, non puntuable para campionatos.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca