O 18 de xullo comeza o servizo de lanzadeiras con varias rutas desde Chantada

Durante este verán o Concello de Chantada organiza unha interesante programación sobre Astroturismo, con actividades de guiado e observación estelar. A primeira actividade desenvolveuse este mércores día 8 e resultou un éxito tanto na inscrición como na participación durante a xornada.
25 persoas asistiron á proposta que as levou a coñecer novos datos sobre a diversidade do ceo nocturno que se observa desde Chantada. Persoas do municipio e contorna, pero tamén chegadas de Ourense ou Vigo, acompañadas das súas familias que por primeira vez se achegaban a participar nunha actividade destas características. Durante máis de dúas horas e en compaña dun telescopio ofreceuse unha visión xeral do que se pode desfrutar desde un destino Starlight como é o Concello de Chantada.
“Nesta primeira actividade tivemos moitas familias con fillos e fillas que preguntaban moito. A nosa recomendación cando a xente vén a unha actividade así e que veñan coa curiosidade que se ten cando se é neno para poder achegarse mellor a un dos mellores destinos Starlight a nivel galego”, explica o guía, Juanjo Lorenzo.
A seguinte cita de guiado terá lugar o domingo, 19 de xullo. As inscricións para participar nesta actividade gratuíta están abertas desde este xoves, 9 de xullo e ata completar a capacidade, podendo facerse unicamente a través do correo electrónico turismo@concellodechantada.org.
As 25 persoas que se inscriban nesta segunda xornada recibirán un correo de confirmación coa localización na que se darán cita, ás 22:15h, para a seguinte actividade de guiado. Para máis información poden dirixirse á Oficina Municipal de Turismo de Chantada ou no 982 44 17 52. Ante a demanda destas propostas, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura que, “vemos un interese crecente en Chantada como destino Starlight. A xente volve querer mirar o ceo e este tipo de turismo está en auxe”.
As próximas citas para descubrir o universo e as súas marabillas nos ceos de Chantada serán as seguintes:
- 6 de agosto, actividade de guiado e observación estelar para público en xeral
- 7 de agosto, charla divulgativa sobre a eclipse para público en xeral
- 4 de setembro, obradoiro de astrofotografía para público en xeral
Servizo de Lanzadeiras do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra no Concello de Chantada
O Consorcio de Turismo retoma o servizo de transporte en autobús lanzadeira a algúns dos principais recursos do destino. As lanzadeiras son gratuítas e teñen por obxectivo evitar posibles problemas de aparcamento e facilitar o acceso a embarcadoiros, mosteiros ou áreas de lecer con elevada afluencia de visitantes, como a Praia da Cova. A principal novidade deste ano é a incorporación dunha nova parada en Portotide na lanzadeira Chantada – Belesar – Praia da Cova, unha liña posta en marcha o pasado ano que demostrou a súa utilidade.
Así o 18 de xullo e ata o 6 de setembro, os venres, sábados e domingos, estarán en funcionamento no Concello de Chantada as lanzadeiras cos seguintes horarios facilitados polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
PRAIA DA COVA. Punto de saída: Praza de Galicia en Chantada con paradas no embarcadoiro de Belesar e en Portotide – ponte Pincelo
IDA (Chantada – Belesar – Portotide – Praia da Cova):
Saídas dende Chantada: 10:35, 11:30, 12:40, 15:45, 17:00, 18:15 (fin en Emb. Belesar).
-Paradas intermedias en Belesar (embarcadoiro): 10:50, 11:45, 12:55, 16:00, 17:15, 18:30.
-Paradas intermedias en Portotide (ponte Pincelo): 10:55, 11:50, 13:00, 16:05, 17:20.
Chegadas á Praia da Cova: 11:05, 12:00, 13:10, 16:15, 17:30.
VOLTA (Praia da Cova – Portotide – Belesar – Chantada):
Saídas dende Praia da Cova: 12:05, 13:30, 16:20, 17:35, 19:10, 20:55.
-Paradas intermedias en Portotide (ponte Pincelo): 12:15, 13:40, 16:30, 17:45, 19:20, 21:05.
– Paradas intermedias en Belesar (embarcadoiro): 12:20, 13:45, 16:35, 17:50, 18:30 (saída desde Emb. Belesar), 19:25, 21:10.
Chegadas a Chantada: 12:35, 14:00, 16:50, 18:05, 18:45, 19:40, 21:25.








