Ó acondicionamento da antiga casa da academia como oficinas municipais destinaránse 1.266.000€

Este luns a última hora da mañá o Concello de Chantada celebraba sesión plenaria extraordinaria cun único punto na orde do día, unha operación de crédito que permitirá executar obras importantes para o municipio.
Por unha banda contémplanse 2.300.000€ para acceso a núcleos e mellora de estradas municipais, de modo que se seguirán ampliando as vías con tratamento de aglomerado en quente. Nos últimos 7 anos desde o Concello melloráronse 83 km con aglomerado, “con esta operación adiantámonos ao que iamos facer nos próximos 7 ou 8 anos”, asegura o alcalde; Manuel Lorenzo Varela.
A operación de crédito por valor de 4.189.546€, que se aprobou este luns cos votos do equipo de goberno permitirá dispor de cartos para executar estas obras e os correspondentes proxectos. Contémplanse tamén importantes investimentos na vila como a ampliación da casa consistorial e seguir mellorando prazas e espazos públicos. “Son obras que nos parecen moi necesarias e a situación económico financieira do concello permítenos poder facer esta modificación orzamentaria coa que queremos dar o mellor servizo posible á cidadanía”, afirma o alcalde.
Na vila do Asma un dos investimentos máis importantes será o destinado a acondicionar como Casa Consistorial, a antiga casa da Academia, edificio que o Concello ten adquirido no Cantón. Segundo o proxecto co que conta o Concello, a obra terá un orzamento de 1.266.546€.
O Concello de Chantada destinará 73.000€ para distintos equipamentos urbanos, 140.000€ para o mobiliario da Biblioteca e 410.000€ á pavimentación de vías públicas e acondicionamento de prazas, “Queremos levantar a vía central da Praza de Santa Ana que todos os anos dá problemas, imos quitar a pedra e darlle un tratamento novo para zonas de vías públicas. Destinaremos case 190.000€ e abrimos novas vías e melloraremos outras prazas para seguir adecentando a vila”, explica Manuel Lorenzo Varela.
Segundo os informes económicos e de secretaría, o Concello de Chantada ten débeda 0 e capacidade para poder facer fronte a esta operación de crédito, “Para facer cousas grandes hai que facer este tipo de operacións. Firmaremos convenios para amortizar a débeda pronto e ao mesmo tempo poderemos executar esas actuacións que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas”, conclúe o alcalde.







