“Será un fito histórico para Chantada e para nós”, asegura o seleccionador nacional de fútbol sala de Indonesia, o chantadino Héctor Souto

O Concello de Chantada acolle os días 14 e 18 de agosto o I Torneo de Fúbol Sala Terras do Asma. A cita que organiza SD Chantada coa colaboración do concello está promovida polo adestrador Héctor Souto, o chantadino que desde o 2021 é seleccionador nacional de fútol sala de Indonesia con quen conquistou importantes títulos que o converten en icona do fútbol sala no sudeste asiático.
A cita presentábase este martes pola mañá na adega de Chantada, Vía Romana, contando coa participación de Héctor Souto, a presidenta de SD Chantada, Sabrina Rodríguez; José Tirado, presidente de Palma Futsal; Manuel Otero Méndez, xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia, Pablo Prieto, presidente da Real Federación Galega de Fútbol e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
O Pavillón Municipal de Chantada acollerá os encontros que o venres, 14 de agosto, enfrontarán ao Timnas Futsal Indonesia co Parrulo de Ferrol e o martes, 18 de agosto, ao Timnas indonesio co Palma Futsal, Subcampión da UEFA Champions League e 3 veces Camipón, ademais de 3 veces gañador da Intercontinental.
Durante a presentación destacouse a importancia de poder contar con dous equipos de primeira división na vila, “é un feito extraordinario que xogadores da selección de Brasil vaian estar aquí uns días”, destacaba Héctor Souto. O adestrador explicaba que a participación da selección Indonesia no Torneo Terras do Asma formaa parte dun proxecto de expansión para vivir tamén a experiencia europea e sudamericana no ano previo á clasificatoria do Mundial.
Despois de dominar o sudeste asiático e cambiar o rumbo da competición que sempre gañaba Tailandia, o chantadino plantexou como estratexia da selección, xogar con equipos españois como preparación para o Torneo Seis Nacións que se celebrará en outubro en Brasil. “España é liga referente de fútbol sala a nivel mundial. Queriamos competir tamén fóra de Asia e o Torneo de Chantada convértese así na primeira competición da selección. Será un fito histórico para Chantada e para nós”, asegura Souto.
O adestrador mostraba a súa satisfacción e responsabilidade ante esta celebración en Chantada, “Para min é un orgullo e unha presión porque quero que todo saia ben. Vou xuntar a miña familia deportiva coa miña familia e veciños, dous mundos totalmente diferentes. Faime especial ilusión que xogadores e staff poidan ver de onde son, unha vila acolledora e familiar na que podes ir caminando a calquera sitio, sen polución e pouco tráfico,…Vai a impactar en xente que vén de grandes urbes como pode ser Yakarta e a área metropolitana”.
A organización agradece as facilidades dadas polo Concello de Chantada para esta celebración e desde a concellaría de Deportes felicitan aos promotores e destacan que esta será unha oportunidade para posicionar a un dos concellos con máis activididade deportiva da provincia de Lugo no mapa internacional. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, confía en que sexa todo un éxito, creando un excelente ambiente antes das Patronais, “Teremos dous días de competición deportiva de alto nivel e con moita xente seguidora deste deporte, ademais durante 10 días a expedición indonesia formada por máis dunha vintena de persoas traerá exotismo á vila e esperamos que se leven unha boa impresión do noso municipio”. O rexedor eloxiou o traballo de SD Chantada e Héctor Souto para traer ao Concello esta competición.








