Domingo de actividades para gozar de Chantada

O 17º Ribeira Sacra celebra a súa décima edición do 24 ao 26 de xullo. A cita que ofrece unha variada programación musical, gastronómica, artística e de promoción do territorio, pon o remate a esta edición no Concello de Chantada.
A Xornada do domingo, 26 de xullo, comezará ás 11:00h na Central Hidroeléctrica de Belesar coa experiencia, “A enerxía do Miño. Memoria industrial de Belesar” para descubrir o patrimonio industrial da Ribeira Sacra a través dun percorrido interpretativo que conecta enxeñería, paisaxe e memoria. Esta visita rematará con sesión musical, mentres que ás 12:00h na Praza do Cantón terá lugar unha actividade promovida pola Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada.
“Viños con arte, Chantada e Manuel Jorge” é unha cata itinerante polo centro histórico de Chantada para experimentar viño, petiscos e arte plástica, creando un diálogo único entre gastronomía, arte e territorio. “Chantada é terra de artistas. Nos viños e tamén nas artes plásticas. Combinaremos viño e produtos locais cos cadros do chantadino, Manuel Jorge a quen estará dedicado o futuro Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra”, recolle a web do 17º Ribeira Sacra.
O Concello de Chantada colabora co 17º o que fai posible que na Praza do Cantón se leven a cabo concertos de entrada libre e gratuíta. Esta praza convertirase no escenario Alhambra con 3 actuacións: 13:00h Rivouzo DJ –13:30h Vera Fauna –14:45h Rivouzo DJ
O Concello de Chantada destaca a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que favorecen a promoción turística da Ribeira Sacra, “É un festival importante con moita difusión que se centra na cultura e no patrimonio. Estamos nun territorio con grandes riquezas a este respecto e en Chantada temos representación de todo, ribeira, música, patrimonio, arte,…”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, que destaca o formato da cita con propostas de gran interese que non buscan a masificación.
O Festival 17º, que organiza I-Radia Crea, presentouse este xoves no Balcón Enoturismo de Regina Viarum, no Concello de Sober, coa participación entre outras autoridades do concelleira de Xuventude do Concello de Chantada, Belén Vázquez Caseiro.








