Actual, Concello, Novas|

O 6 agosto nova xornada de observación estelar e o 7 charla divulgativa sobre a eclipse

O Concello de Chantada segue desenvolvendo unha intensa actividade con propostas gratuítas centradas no astroturismo para este mes de agosto. O xoves, día 6 de agosto, celebrarase unha nova xornada de observación estelar guiada, promovida desde a Oficina de Turismo de Chantada, que para o venres, 7 de agosto, organiza unha charla divulgativa sobre a eclipse solar. O encontro aberto ás persoas interesadas, celebrarase no Auditorio Municipal desde as 20:00h, contando coa participación do astrofísico, Borja Tosar e a optometrista, Teresa Feás que compartirán os seus coñecementos expertos cos asistentes.

Estas iniciativas buscan achegar as marabillas do universo ao público xeral aproveitando a certificación de Chantada como Municipio Starlight. A esta característica que pon en valor o ceo nocturno do municipio, engádese que desde o Concello de Chantada poderá verse a franxa de totalidade da eclipse durante moito tempo.

No Concello de Chantada o proceso da eclipse comezará as 19:32h, alcanzando o seu punto de totalidade ás 20:29h e finalizando ás 21:22h. Durante a totalidade, o sol atoparase a unha altitude de 11° e unha posición de 280° Oeste. Para desfrutar da eclipse identificáronse varias localizacións recomendadas:

  • No centro urbano suxírense o Parque Eloísa Rivadulla, o Mercado Gandeiro, a zona do Muíño da Alameda e o Parque das Piscinas.
  • No resto do municipio o Monte Faro é un punto salientable e todas as zonas con vistas despexadas cara o Faro. Propóñense tamén localizacións en Pedrafita, Veiga e Mariz.

O Concello de Chantada vén de editar un cartel informativo para achegar este tipo de información a veciños e visitantes. Ademais de suxerir localizacións, tamén ofrece recomendacións de seguridade no momento da eclipse: nunca se debe mirar o sol directamente sen protección, sendo imprescindible o uso de lentes homologadas que cumpran a norma ISO 12312-2, non mirar a través de cámaras e outros dispositivos sen os filtros adecuados. As lentes de protección deben de usarse correctamente durante toda a observación. A este respecto as gafas de protección que ofrece a Deputación Provincial, o Concello de Chantada repartiunas entre os participantes nos campamentos infantís e desde servizos sociais ofrécense aos colectivos máis vulnerables.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca