A actividade con 20 horas de duración comezará o 15 de setembro

O curso de introdución á lingua e á cultura galegas desenvolverase na casa da cultura de Chantada, os martes e xoves en horario de 16:00 a 18:00; desde o 15 de setembro ata o 15 de outubro. O curso de 20 horas de duración destínase a persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan no ano 2026, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida. Non se requiren coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas a diferentes niveis.
Con esta formación as persoas participantes adquiren nocións básicas de lingua galega (vocabulario, expresión oral e escrita); coñecementos sobre a cultura e historia de Galicia (festas, tradicións, gastronomía, música, historia…); ademais de recursos prácticos para a comunicación no día a día.
Durante as 5 sesións de traballo estudaranse cuestións como:
- Introdución á lingua: familiarizarse coa fonética, o alfabeto e as regras básicas de pronunciación do galego.
- Vocabulario esencial: aprender palabras e expresións cotiás (saúdos, presentacións, números, días da semana etc.).
- Frases básicas: construír frases sinxelas para a comunicación en situacións comúns da vida cotiá.
- Comprensión oral e escrita: desenvolver a capacidade de entender mensaxes básicas en textos e conversas sinxelas.
- Interacción oral: practicar diálogos básicos.
- Conciencia cultural: introducir aspectos culturais e lingüísticos que axuden a contextualizar o idioma.
Este curso está organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, neste caso, coa colaboración do Concello de Chantada como membro da Rede de Dinamización Lingüística. Cada asistente recibirá cadanseu diploma acreditativo expedido pola Consellería.
Estas formacións teñen un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.
As inscricións poden facerse na casa da cultura do concello de Chantada ou a través do teléfono 982 441 752. Cóntase cun máximo de 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición.








