Concerto de Malenne e Los Limones na Praza de Catro Camiños desde as 22:00h

O Concello de Chantada celebra as súas Festras Patronais na honra á Virxe do Carme do 20 ao 25 de agosto. Este xoves, a primeira cita será coa música, cos concertos que desde as 22:00h terán lugar na Praza de Catro Camiños. Recupérase o concerto do grupo monfortino Malenne que o pasado ano non se puido celebrar por un problema vocal do cantante e tráese a Los Limones, a banda de pop rock nada en 1983 co nome de Los Limones del Caribe.
O II “Ata o Chan Festival” protagoniza a xornada do venres, 21 de agosto, en Chantada. Desde as 23:30h na Praza do Pavillón Muncipal contarase con algúns dos nomes que máis soan na música electrónica. Desde as 23.30h daranse cita no recinto do Festival, José de las Heras, Pawly, Dumore, Carlos López e Marcos Magán. A entrada está aberta a todas as persoas interesadas, con control de acceso para garantir a seguridade da celebración.
O sábado, 22 de agosto, Chantada celebra unha das súas citas máis tradicionais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC). Está previsto que o desfile do Folión, comece ás 23:00h despois da actuación que ofrecerá a Banda de Gaitas do Concello de Chantada. A cita organizada pola Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada contará nesta edición con 13 carros participantes.
Tralo desfile, chega o momento na Praza de Galicia, da lectura do pregón das Festas que este ano correrá a cargo do escritor, D. Xosé Miranda Ruíz. Coñecido en Chantada tamén pola súa figura como profesor de Bioloxía no IES Lama das Quendas, Miranda Ruíz, é especialista en mitoloxía popular e literatura de transmisión oral e ten recibido numerosos premios e recoñecementos polas súas novelas e relatos. A actuación musical desta noite correrá por conta da orquestra Tango na Praza de Santa Ana desde a 1:00h.
O domingo, 23 de agosto, destaca na programación das Festas o XXXV Certame de Bandas de Música, que se celebra na Praza do Cantón desde as 18:00h coa Banda de Música de Chantada, a Banda de Música de Muimenta e a Banda de Música de San Cibrao das Viñas. As actuacións que protagonizarán as verbenas da noite desde as 22.00h serán, a da orquestra París de Noia en Xoán XXIII e Los Satélites na Praza de Santa Ana.
A programación infantil destaca na xornada do luns, 24 de agosto con xogos tradicionais e festa con inchables no Parque Eloísa Rivadulla desde as 17:00h. Pola noite contarase coas actuación do Grupo Top Líder e do Combo Dominicano. Nesa xornada está prevista a sesión de Fogos Artificiais, ás 00:00 desde a Praza do Pavillón Municipal.
O Concello de Chantada pecha as súas Patronais o martes, 25 de agosto, festivo local e xornada na que se celebra a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas. A celebración contará coa ambientación musical de “Os Barrios” e as charangas “Unión Phenosa”, “Louband” e “Fanfarria Furruxa”; e queda non autorizado o uso de equipos de música particulares.
Para o adecuado desenvolvemento desta celebración establécese servizo de autobuses que circularán permanentemente desde as 11:30h. ata as 21:00h entre a Praza de Santa Ana e o lugar de celebración por un prezo de 3€ a viaxe. O Concello anima a que se faga uso destes autobuses e se evite seguir no campo depois de que remate o servizo de bus. Os concertos nocturnos deste último día de Festas correrán por conta de Orquestra Funçao Publika en Xoán XXIII e a Orquestra Charleston Big Band na Praza de Santa Ana.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima a veciñanza e visitantes a participar das diferentes actividades e celebrar estes días en familia, “compartindo a ledicia destas festas e celebrando as nosas tradicións e todo o patrimonio que nos dá a nosa paisaxe, a nosa historia e a nosa cultura. Convídovos a visitarnos e gozar da gastronomía, do viño e da compaña das xentes de Chantada”.








