Entregouse un recoñecemento ao Grupo de gaitas Os Barrios polo seu 120 aniversario

O Concello de Chantada celebra as súas Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que tiveron este sábado pola noite dous do seus actos centrais coa celebración do Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC) e a lectura do pregón por conta do escritor, Xosé Miranda Ruíz.
Durante a tarde e para ir preparando o ambiente para a noite, os carros estiveron a exposición na Avenida de Ourense, tivo lugar ademais a X Foliada Carroceira do Folión de Carros coa participación da Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada, Os Barrios, Searas, Dakidoasma e a Banda de Gaitas de Chantada.
Precisamamente a Banda de Gaitas de Chantada foi un ano máis a encargada de abrir o Folión de Carros que comezaría puntual ás 23:00h para desfilar pola rúa Mariano Cedrón e a Avda. de Monforte. As representacións dos 13 carros participantes desfilaron ante a atenta mirada dos milleiros de persoas que se achegaron á vila para gozar con este espectáculo que enxalza as tradición de Chantada e que tivo o seu remate na Praza de Galicia, onde se desenvolvería o pregón das Festas Patronais de Chantada.
Xosé Miranda Ruíz, escritor e biólogo que foi tamén director do IES Lama das Quendas onde execerceu como profesor, viviu en Chantada do 1983 ao 1991, “non son chantadino de nacencia, sono de opción, pois aquí vivín oito anos, casei, fun profesor, director do instituto, concelleiro, aquí naceu a miña filla, aquí naceron moitos dos meus libros e aquí moran algúns dos meus máis grandes amigos”.
Miranda Ruíz repasou a tradición vitícola de Chantada e loubou as festas dun pobo que traballa, “A festa e o traballo son indisolubles. As festas son unha necesidade para romper a monotonía, para relaxarse, para compensarlles á alma e ao corpo tanto esforzo sostido e tanta dedicación. As festas son o complemento dos traballos, non o seu inimigo. E nese sentido é exemplar e tal vez único, o Folión dos Carros, pois alía traballos e festa”.
O pregoeiro fixo etimoloxía das palabras carro e folión e repasou poemas de autores como Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Cuña Novás, Ramón Cabanillas ou Otero Espasandín. Xosé Miranda Ruíz tamén se lembrou no pregón das Patronais de Chantada, a tradicional Festa da Empanada que se celebra o martes, 25 de agosto, festa local no Concello, “Vou tomar prestadas as palabras do meu bo amigo, o escritor Rubén Eyré, o día da festa Chantada parece un pobo fantasma porque todos están na Carballeira e que a primeira orixinalidade desta festa, a máis querida dos chantadinos e non a menos importante, é que o seu nome, a diferencia do que pasa coa meirande parte das celebracións gastronómicas, non vai seguido de díxito algún, pois é tan vella que ninguén lembra cando comezou. E sendo tan popular, tan antiga e tan marabillosa, goza do incrible privilexio de non ser famosa, afortunadamente.”
Antes de coñecer os premios do Folión, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un agasallo ao pregoeiro e un recoñceemento tamén ao Grupo de gaitas Os Barrios de Chantada polo seu 120 aniversario.
Premios do Folión de Carros 2026
Os 13 carros participantes representarían diversos motivos tradicionais e todos debían de estar tirados por unha xugada de vacas ou de bois. O desfile comezou á súa hora, acompañou a climatoloxía e desenvolveuse de modo fluído e sen incidencias.
O xurado, integrado por unha vintena de persoas divídese no xurado do Folión, xurado de vacas e xurado de textos (que relatan os diferentes motivos dos carros), estableceu a seguinte clasificación xeral do Folión de Carros 2026:
1: O millo, máis ca un cultivo. (Carro nº 5)
2: Oficio inédito. Os irmáns espantallo. (Carro nº 12)
3: Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños (Carro nº 8)
4: Círculo Recreativo Cultural. (Carro nº 6)
5: A casa do Macario. (Carro nº 11)
6: Os esgrafiados da Ribeira Sacra. (Carro nº 9)
7: O pasado mineiro escondido no Monte Faro. (Carro nº 4)
8: A malla do trigo. (Carro nº 3)
9: Da terra á cunca. (Carro nº 7)
10: Co Arrojo chegou a televisión a Chantada. (Carro nº 1)
11: Ribeira O Meixolo. (Carro nº2)
12: La cigüeña los trae, Merceditas los viste. (Carro nº 13)
13: No San Xoán… habelas, hainas. (Carro nº 10)
Nesta clasificación avalíanse os tamén os carros tradicionais:
1º Premio Carro Tradicional: Da terra á cunca. (Carro nº 7)
2º Premio Carro Tradicional: La cigüeña los trae, Merceditas los viste. (Carro nº 13)
3º Premio Carro Tradicional: No San Xoán… habelas, hainas. (Carro nº 10)
Houbo tamén recoñecementos para os seguintes carros:
- Mellor memoria explicativa: Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños (Carro nº 8).
- Mellor trato animal: Oficio inédito. Os irmáns espantallo. (Carro nº 12).
- Mellor xugada (elegancia, vestimenta ou adornos): A malla do trigo (Carro nº 3).
- Mellor manexador/a: Círculo Recreativo Cultural. (Carro nº 6).
- Mellor vaca/boi individual: Ribeira O Meixolo. (Carro nº 2)
- Mellor xugada 2026: Co Arrojo chegou a televisión a Chantada (Carro nº 1)
Ao redor da 1:30h dábase por rematada esta edición do Folión de Carros á que seguiría a actuación da orquestra Tango. No palco do xurado e de autoridades contábase coa presenza de representantes da asociación organizadora, a Asociación Amigos do Folión; do alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia e, entre outros, representantes de diferentes asociacións de Chantada e da comarca.









