Actual, Concello, Novas|

Naturgy resposta á Providencia de Alcaldía do 15 de xuño

O municipio de Chantada padeceu na tarde do día 11 e na madrugada do día 12 de xuño e durante a tarde e a madrugada dos días 14 e 15 de xuño cortes na subministración eléctrica na vila de Chantada e nas parroquias próximas. Así o recolle a providencia de Alcaldía do día 15 de xuño, solicitando do Grupo Naturgy Unión Fenosa Distribución, unha reclamación de consumo.

Cos informes dos Servizos Técnicos Municipais e da Policía Local, solicitábase de Naturgy, responsable do transporte da enerxía eléctrica, unha serie de datos que vén de remitir ao Concello de Chantada. A empresa asegura que dispón dun sistema de rexistro de incidencias cun alto grao de fiabilidade que está sometido a auditorías externas anuais, rexistrando todo movemento existente na rede, non podendo borrarse nin eliminarse.

No rexistro de incidencias constátase que o día 11 de xuño de 2026 ás 21.23 hai rexistrada unha Incidencia (Cod 621045477) que afectou a unha parte do municipio de Chantada cunha duración total de 235 minutos, con orixe na liña de Media Tensión denominada Chantada 804. A causa da incidencia: actuación das proteccións de sobretensións pola caída dun raio. A incidencia afectou a 27 centros de transformación dos que se alimentan 3658 subministracións pertencentes ás poboacións de Chantada, Lamarín, Santa Mariña e Chouso, con diferentes duracións nos cortes de luz, segundo o centro de trasformación afectado.

Con respecto a esta xornada, Naturgy informa de que analizada a incidencia, a súa xestión foi correcta, “As proteccións actuaron correctamente facendo a súa función de protexer ás persoas e ás instalacións, tanto de UFD como do resto de subministracións conectadas á rede de distribución. Tomáronse as medidas de seguridade esixidas e no mínimo tempo posible con base na tipoloxía da avaría, os danos na rede e a realización de traballos en horario nocturno”. A isto engádese que a causa da incidencia foi allea á empresa, sendo consecuencia das condicións climatolóxicas.

As fortes tormentas tamén serían a causa da incidencia do 14 de xuño de 2026 ás 23.43 (Cod 621045564) que afectou a unha parte do municipio de Chantada cunha duración total de 329 minutos pertencentes ás poboacións de Chantada, Lamarín, Santa Mariña e Chouso, novamente con orixe na liña de Media Tensión denominada Chantada 804. A empresa volve concluír que cumpriu con todos os indicadores de calidade. No caso da segunda xornada de apagón, informa de que unha maior demora no tempo de recuperación do servizo debeuse a que “a liña afectada estaba illada por unha avaría na zona na que se anillan dúas instalacións, danos causados por traballos de terceiros na contorna e alleos a UFD Distribución Electricidade, S.A”.

A empresa contesta tamén á solicitude de Alcaldía con respecto dos investimentos realizados no municipio de Chantada e aseguran que no periodo 2022-2025 investiron na rede de alta tensión ao redor de 4.800.000€ e na de media tensión o investimento foi de 1.161.805€. Ademais do plan de investimentos, ao plan de mantemento  destináronse máis de 600.000€.

Con todo, o informe da empresa conclúe, “as incidencias acaecidas nos días 11 e 14 de xuño de 2026 son de carácter puntual e motivadas por causas alleas á rede de distribución propiedade de UFD Distribución Electricidade, S.A., ademais acreditar o cumprimento da calidade de subministración con base na normativa vixente e que tanto os plans de investimento como de mantemento denotan unha planificación moi relevante, que evidencia o compromiso coa mellora continua do servizo eléctrico no municipio.”

Desde o Concello de Chantada agradécense as explicacións dadas pola empresa ás demandas plantexadas o 15 de xuño e para as que se esperaba máis pronta resposta.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca