Actual, Concello, Novas|

O Concello de Chantada desenvolve importantes melloras no Pavillón e na Piscina Climatizada

O Concello de Chantada segue a desenvolver un importante traballo de modernización e mellora das instalacións deportivas municipais. Despois das recentes actuacións no campo de fútbol do Sangoñedo ou nas pistas de tenis para mellorar a iluminación e a eficiencia enerxética ou na Piscina Climatizada coa renovación da ventilación; no Pavillón Polideportivo Municipal desenvólvense distintas melloras.

Por unha banda, prepárase unha mellora estética na fachada, á que xa se lle deu unha capa provisional de pintura, e onde tamén se cambiará o letreiro que presenta as instalacións. Como primeira medida creouse unha nova imaxe para enxalzar o deporte do Concello de Chantada Corazón de Galicia. O deseño de Trece Trazos decora agora nun grafiti vermello o acceso ao Pavillón e nun grafiti verde, a parede da pista debaixo da pantalla do marcador.

Durante o verán tamén se aproveitou para repoñer elementos danados polo paso do tempo, as condicións climatolóxicas deste inverno ou por actos vandálicos. Deste modo repuxéronse planchas na cúpula central, que xa se comezara a reparar o pasado ano, substituíronse as portas danadas de vestiarios e baños, ademais de mobiliario destes últimos, cambiándose tamén os asentos dos chanzos que estaban en mal estado e cristais rotos nalgunha ventá. No interior do Pavillón tamén se adecentarán as partes de parqué danadas.

As melloras que se executan desde a concellaría de Deportes no Pavillón Municipal superan os 10.000€ financiados con fondos propios. Tamén, cara o cambio de tempada estanse desenvolvendo traballos de mantemento na Piscina Municipal Climatizada, aos que o concello destina 30.000€ para reparacións, limpeza do habitáculo da piscina e nova pintura especial para este espazo.

O Concello de Chantada desenvolve periodicamente este tipo de actuacións encamiñadas a manter actualizadas as instalacións deportivas municipais e contribuir á confortabilidade das persoas usuarias.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca