As actividades comezarán o 21 de setembro e extenderanse ata o 21 de xuño

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Deportes, organiza as Escolas Deportivas Municipais Concello de Chantada 2026. As diferentes actividades comenzarán o 21 de setembro (ata o 21 de xuño) e desenvolveranse no Pavillón Deportivo Municipal, nos pavillóns dos centros de ensino da vila, no Estadio Municipal do Sangoñedo e na Piscina Climatizada, con propostas todos os días ata que remate o curso escolar.
Mantense a oferta deportiva que atende a todas as idades desde preescolar ata maiores de 60 anos establecéndose as seguintes modalidades:
- Nenas e nenos: fútbol sala, fútbol, bádminton, tenis de mesa, pádel, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, voleibol, natación, patinaxe artística, escola de porteiros/as, patinaxe, multideporte e psicomotricidade, atletismo (cros) e bailes de salón.
- Adultos: bailes de salón, tenis, atletismo (cros), fútbol 11 veteranos, pickleball, padel, bádminton, educación física e cardio, patinaxe, ximnasia de mantemento e sendeirismo.
- Maiores de 60 anos: bailes de salón, sendeirismo, bádminton, ximnasia, ximnasia de mantemento.
- Actividades deportivas adaptadas para persoas con discapacidade intelectual ou física en colaboración con Asdeme e Albores.
Con máis de tres décadas de traxectoria, as actividades das Escolas Deportivas Municipais amplíanse cada ano e as novidades que se incorporan gozan de gran aceptación. Na pasada edición contouse con novas disciplinas para adultos que funcionaron moi ben, pádel, iniciación á patinaxe e atletismo cros. Nesta ocasión introdúcese a modalidade de bailes de salón e estilo libre con profesor titular para infantil. Tamén haberá algunha pequena modificación de horarios para unha mellor coordinación dos distintos espazos.
As Escolas Deportivas Municipais de Chantada ofrecen propostas participativas e inclusivas para promocionar hábitos deportivos saudables e mellorar a técnica e a disciplina deportiva. Este servizo que ten vocación comarcal abre a inscrición tamén a persoas interesadas doutros concellos, sen custe adicional e nas mesmas condicións que as persoas residentes en Chantada.
A folla de inscrición está a disposición das persoas interesadas, a través da web municipal, na Casa Consistorial, no Pavillón Municipal ou nos centros de ensino.
A formalización do pago para a matrícula nas Escolas Deportivas Municipais debe de facerse no servizo de recadación do Concello de Chantada antes do 31 de outubro para poder participar das actividades. Establécese unha cota única de 70€, coa que cada persoa ten dereito a inscribirse en 3 actividades deportivas, contando con descontos para familias numerosas e IPREM.
Para máis información na oficina do Pavillón Municipal: luns e mércores de 20:15 a 21:15 h. Calquera dúbida atenderase de luns a venres de 10:00 a 21:00 h. neste teléfono: 616 53 33 39.








