Ata o 15 de outubro celébrase na Casa da Cultura o curso de introdución á lingua e cultura galegas

A Biblioteca Municipal de Chantada retoma a tempada de contacontos, nesta ocasión con citas todos os primeiros venres de mes. Así o venres, 2 de outubro, ás 18:15h comezarase con Latexos. As lendas do castro de K’Paparota teatro.
A proposta diríxese a público familiar a partir dos tres anos, ofrecendo un espectáculo en clave de humor que, a través de obxectos de mesa e monicreques, mergulla ao espectador na maxia das lendas galegas.
A obra que ofrece unha viaxe chea de fantasía e retranca, é creación de Patricia Caméan, actriz e promotora da compañía K’paparota Teatro, un proxecto emerxente especializado en público familiar que combina o traballo actoral coa manipulación de obxectos e monicreques. Pedagoxía teatral, que sitúa a vida e ás persoas no centro, apostando por un teatro próximo e comprometido, que coide os vínculos, a infancia e os valores sociais e ambientais promovendo espazos de encontro e reflexión.
Esta actividade pertence ao programa de dinamización lingüística FalaRedes impulsado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua.
Curso de introdución á lingua e cultura galegas
Ata o 15 de outubro, a Casa da Cultura de Chantada está a acoller un curso de introdución á lingua e á cultura galegas que organiza a Secretaría Xeral da Lingua, coa colaboración do Concello de Chantada como membro da Rede de Dinamización Lingüística.
Con esta formación as persoas participantes adquiren nocións básicas de lingua galega (vocabulario, expresión oral e escrita); coñecementos sobre a cultura e historia de Galicia (festas, tradicións, gastronomía, música, historia…); ademais de recursos prácticos para a comunicación no día a día.
Os obxectivos son fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.








