Entrada libre e gratuíta no Auditorio Municipal de 18:00 a 21:00h

O Auditorio Municipal de Chantada acolle o venres, 9 de outubro, a actividade inmersiva, Ceo no Camiño. Esta proposta divulgativa que une os Camiños de Santiago e os ceos Starlight, afondará na fotografía astronómica e a realidade virtual contando co apoio dun planetario portátil.
A iniciativa que forma parte da actividade astroturística do Concello de Chantada está financiada ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e impartida por Luzlux. A actividade desenvolverase en horario de 18:00 a 21:00 e convida ao público a mirar Chantada desde outra perspectiva, a dos seus ceos, os seus solpores e noites.
A xornada é gratuíta e destínase ao público en xeral, familias, peregrinos, centros educativos, visitantes e profesionais do turismo.
Programa Ceo no Camiño 9 de outubro:
- 18:00h Apertura da exposición fotográfica
- 18:30h Presentación do proxecto Ceo no Camiño, proxección de curta documental e charla divulgativa “O ceo de Galicia”.
- 19:30h Visita guiada á exposición fotográfica, experiencia con gafas de realidade virtual 360º e sesión de planetario.
- 20:30h Visita libre
- 21:00h Fin da actividade
O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, anima á participación nesta proposta que vincula dous importantes recursos do municipio, “Con este tipo de actividades poñemos en valor dous recursos turísticos fundamentais en Chantada, ofrecer as paisaxes máis fermosas no Camiño de Inverno, facendo desde Chantada os quilómetros necesarios para conseguir a Compostela e reivindicar a calidade dos nosos ceos que nos deron a condición de Municipio Starlight”.








