O alcalde asegura que Chantada merece un consistorio acorde cos tempos e seguir recuperando o casco antigo

Este luns, 5 de outubro, asinouse a acta de replanteo que permitirá comezar coas obras para rehabilitar a edificación localizada na Praza de España, nº23 onde estaba a coñecida como Academia, como nova Casa Consistorial.
O Concello de Chantada levaba dous anos traballando na busca de axudas e na redacción do proxecto para darlle utilidade a esta edificación que adquirira na zona vella ao carón da casa consistorial, para ampliar e reestruturar estas dependencias municipais e dotalas de accesibilidade.
Neste ano concretouse unha axuda da Xunta por importe de 500.000€ que favorece a execución da obra cun orzamento de licitación de 1.266.546,13€. O proxecto, que conta cos informes favorables da CHMS e co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, ao estar no casco antigo, pasou ademais todos os filtros de contratación que corresponden a un proxecto de máis de 1.000.000€. Para a adxudicación seguiuse un procedemento aberto ao que se presentaron 8 empresas, resultando adxudicataria, Misturas, Obras e Proxectos S.A.
As obras, que darán comezo na vindeira semana, teñen un prazo de execución de 12 meses. Para a rehabilitación conservaranse as fachadas renovando toda a estrutura para facer varias plantas, utilizando teitos de madeira. Contarase cun patio interior acristalado e de madeira para conseguir luz natural e crear un espazo de traballo con presenza de vexetación.
Este novo edificio albergará o salón de plenos que agora se localiza na Casa da Cultura, posibilitando que a esta instalación se lle dean novos usos; e trasladaranse aquí distintas oficinas do concello ofrecendo dependencias accesibles para a cidadanía.
“Esta obra é necesaria porque a casa consitorial quedábase pequena e pouco accesible, con oficinas repartidas por diferentes lugares. Coa rehabilitación deste edificio no casco antigo seguimos conservando o noso patrimonio para crear instalacións que ofrecen mellor servizo, atención e facilidades aos nosos veciños e veciñas”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Co comezo das obras, a vindeira semana, non se permitirá o acceso e estacionamento na Praza de España, no Cantón e diante da Casa Consistorial con accesos puntuais para as persoas que residen na zona.
“Cremos que unha poboación como Chantada merece un consistorio acorde cos tempos. Parécenos unha inversión que había que facer e seguiremos nesta liña, recuperando e dando exemplo no casco antigo coa recuperación de edificios”, conclúe o rexedor.








