Actual, Concello, Novas|

O obradoiro Serra do Faro X mellorará tamén o cruce da rúa do Comercio coa avenida de Monforte

O X obradoiro dual de emprego Serra do Faro centrou a súa actividade no acondicionamento deste novo espazo para crear unha gran zona verde e abrir o tapón urbanísto que se xeraba en Concepción Arenal.

A través dos módulos de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (albanelaría) e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (xardinaría), primeiro actuouse na parcela que había nesta rúa para dotala de sendeiros, vial de acceso, os bordos e a soleira para o parque e nos útimos meses o módulo de xardinaría centrouse na plantación de árbores e arbustos, rega, colocación de iluminación, bancos e varandas e outro mobiliario urbano.

Con todo, a obra que lle correspondía ao Obradoiro de Emprego, quedou completada e agora disponse dun espazo adecentado como área recreativa. Para rematar de equipar a zona, a brigada de Obras instalou un parque biosaudable e proximamente sairán a licitación as dotacións para un parque infantil cunha gran zona de xogo. O concello ten tamén xa aprobado e adxudicado o remate da rúa Concepción Arenal para dar saída ao tapón urbanístico que había neste punto. A obra incluirá a mellora de acceso a vivendas, prazas de estacionamento e as luminarias correspondentes.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca a mellora que xa se pode ver nesta zona, “Con estas obras démoslle un cambio substancial, en canto rematen as fases que corresponden a fondos municipais, esta rúa quedará aberta á circulación e contará cun gran espazo verde e de lecer. Confiamos en que os resultados serán do agrado da veciñanza”.

Para completar a formación e traballo desta edición do Serra do Faro actuarán tamén no cruce da rúa do Comercio coa avda de Monforte. Neste espazo substituiranse as baldosas da beiarrúa por pedra e quitarase o formigón para plantar arbustos e crear unha zona verde que contribúa a humanizar e poñer en valor esta esquina moi transitada, que está localizada na contorna do casco vello e é paso do Camiño de Inverno.

Estas melloras coordinadas pola concellaría de Obradoiros completaranse co mantemento doutros espazos como o Monte de San Lucas, a contorna do Pavillón Municipal e do Paseo Fuvial ou o Parque de Eloísa Rivadulla.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, coñeceu este mércores en Chantada os traballos que desenvolve este obradoiro compartido cos concellos de Carballedo e Taboada e que inclúe módulo de Atención Sociosanitaria con prácticas no Fogar Residencial para persoas maiores de Carballedo.

20 persoas reciben durante 9 meses formación teórica e práctica con traballo efectivo. O programa inclúe tamén incentivos á contratación para facilitar a posterior incorporación dos participantes en empresas locais.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑