Actual, Concello, Novas|

O epicentro do movemento sería a aldea de Viana no Concello de Chantada

Coa chegada dos anos 90 comeza a xurdir en Galicia o movemento musical coñecido como Bravú con grupos que tiñan en común un orgullo pola cultura popular galega. O epicentro do movemento sería a aldea de Viana, no Concello de Chantada.

Daquela, as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas e agromaban en Galicia grupos de rock en galego, que non se coñecían entre si. Sería o 31 de outubro de 1994, cando cerca dunha ducia de grupos, como Os Diplomáticos de Monte Alto, os Papaqueixos, os Impresentables ou O Caimán do Río Tea, se reúnen na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, e crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.

Trinta anos despois daquel día, Xurxo Souto volverá á Taberna Caballero de Viana, en Chantada, con algúns dos co-fundadores do Bravú. Antes desa apoteose, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical.

O filme documental BRAVÚ XXX conmemora así o trinta aniversario deste movemento. Trátase dun proxecto de Nós Televisión con Xurxo Souto, co apoio económico do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.

A estrea en primicia farase no Auditorio Municipal de Chantada o venres, 25 de outubro, ás 20:00h. Ademais da proxección contarase cun coloquio no que intervirán Xurxo Souto e Richi dos Rastreros. O acto é para todos os públicos con entrada libre e gratuíta.

O Concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, explica a importante divulgación que terá o documental para o municipio, “O equipo estivo este verán gravando en Chantada, somos escenario fundamental porque o bravú naceu aquí. Desde o Concello queriamos participar do proxecto polo que supón de posta en valor da nosa tradición musical e pola visibilidade que teremos a través de multitude de plataformas nas que se poderá ver o documental. Para Chantada é unha promoción moi importante e que a estrea se faga aquí é unha honra”.

No filme Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical.

Sinopse

Logo de ver a cover que as novísimas compoñentes do grupo musical Rager, pertencente ao proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra, fan do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’, Xurxo Souto arrinca nunha viaxe que lle permite visitar e entender de novo o que foi o movemento bravú.

Inicia o camiño na Coruña desde o barrio de Monte Alto, berce dos Diplomáticos, co garbo de Paola Beiro, integrante das Garotas da Ribeira conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao.

Xurxo Souto atópase no seu camiño con Nuno Pico, de Grande Amore, quen achegará a visión da nosa fornada da música galega que está a colleitar grandes éxitos dentro e fóra de Galicia. Continuará o camiño pola Coruña para visitar ao referente e padriño da xeración bravú, Xosé Manuel Pereiro, alias Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana.

María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú ese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios.

Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX: a Taberna Caballero, aldea de Viana, concello de Chantada. Alí volverá reunirse cos cofundadores do movemento Bravú para compartir con eles lembranzas e pensamentos logo de trinta anos de anécdotas e amizade.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca