O alcalde de Chantada fai balance do 2024 e avanza proxectos para o 2025
A ampliación do Polígono Industrial dos Acivros e os paseos fluviais da vila do Asma serán algunhas das melloras que o 2025 traerá para o Concello de Chantada que remata un ano de novas iniciativas culturais, sociais e medio ambientais nun municipio que incrementa poboación progresivamente e número de visitantes e peregrinos. De feito co mes de decembro coñecíase que a Oficina Municipal de Turismo obtiña as certificacións de Q de Calidade e S de Sostibillidade.
O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, explica o máis destacado para Chantada neste ano que remata.
Fixéronse moitas cousas e todas son importantes. Deuse un paso fundamental co remate das obras para o Centro de Atención Temperá, aquí na zona vella, para darlles servizo aos tres concellos, Chantada, Taboada e Carballedo. Falta mobiliario pero contamos que para Semana Santa estea operativo despois dunha boa inauguración. Tamén rematamos a fase máis importante da Biblioteca cun investimento de case 600.000. Ampliamos o orzamento en 135.000€ para engadir certas modificación para a mellora de obra, que estarán rematadas cara ao verán.
Achegámonos aos 100 quilómetros de aglomerado en quente e así seguiremos durante dous ou tres anos para ter rematadas as vías de acceso a todos os núcleos de poboación. 320 aldeas que temos en todo o municipio e que estarán nunha situación inmellorable.
Tamén nas distintas parroquias levamos recuperadas case unha trintena de fontes e temos rematadas as escolas rurais que dan servizo á xente das parroquias e onde celebramos cursos de ximnasia dúas veces á semana de outubro a xuño, segundo demandan as parroquias en servizos sociais. Mentres na vila, continuamos co Festival de Charangas e lanzamos neste 2024 a Festa Interxeracional.
Cada ano o sector empresarial de Chantada amosa o seu dinamismo. No 2024 novas empresas instaláronse no Polígono Industrial dos Acivros ata o punto de quedarse pequeno e pedir ampliación
Estamos traballando e con moita urxencia para a ampliación do polígono. Agora estamos coa tramitación medio ambiental, levamos esperando 5 meses, en xaneiro tería que estar e poder comezar coa tramitación pertinente para a ampliación.
No 2025 a ver se somos capaces de comezar cunha fase máis para darlle visibilidade desde a N-540. É impresionante o desenvolvemento que ten o Polígono Industrial da Chantada que está a tope estando onde está. Case non quedan parcelas sen edificar, quedan 2 ou 3 na primeira fase, 4 o 5 na segunda, pero xa están vendidas e despois hai unha parcela grande, a de Sigalsa de máis de 8.000 metros que tamén están desexando vender.
Será importante para Chantada e o Polígono que o Goberno Central execute a anunciada mellora da N-540
Esperemos que non se esquezan da N-540 nin da autovía tampouco. Esa é unha eiva que ten o interior de Galicia. Concretamente en Chantada, Carballedo e Taboada, probablemente coa autovía feita hai 15 anos outro galo nos cantaría. Hai que recoñecer que hai moita xente que aposta por Chantada e vai seguir apostando no futuro. A verdade que podemos mirar cara adiante con grandes perspectivas de desenvolvemento económico, industrial e social.
Este ano o Concello puxo en marcha axudas á natalidade para favorecer o asentamento de poboación, como foi?
Neste primeiro ano contabamos con máis solicitudes, pero deuse a circunstancia de que houbo casos nos que non se cumprían as bases porque o pai ou a nai tiñan que levar un mínimo de 2 anos empadroados/as no concello. Para o segundo ano poderanse beneficiar máis familias, porque séguense mantendo as que recibiron este ano que cobrarán o 50% é dicir, 400€ e haberá nais e pais que sumarán máis tempo empadroados. Ao final cos dous anos, as familias recibirán 1200€ por nacemento.
Chantada aumenta poboación, cos datos do 2023 tiña 8006 habitantes e cos do 2024, 8092.
Os datos do INE na actualidade son que a 23 de decembro temos en Chantada 8242 habitantes, co que o aumento de poboación é importante. Estas cifras faranse oficiais por parte do INE nos primeiros meses do 2025.
Que ten Chantada? Por que este aumento tan significativo de habitantes no municipio?
Houbo un aumento da natalidade e persoas retornadas da emigración, sobre todo de Sudamérica, Venezula, Cuba, Argentina,… Tamén distintas persoas que veñen vivir a Chantada, empadróanse e iso permítenos aumentar poboación.
Neste 2024 Chantada revalidou o título de Vila en Flor e fíxose un importante esforzo nas zonas verdes a través do Obradoiro de Emprego e da área de Parques e Xardíns.
Rematamos o obradoiro de emprego e inauguramos unha nova edición, demos á benvida ás 20 persoas que estarán nas ramas de albanalaría, atención sociosanitaria e xardinaría. Os obradoiros a nós válennos para seguir mantendo as zonas verdes da vila, ademais este ano fíxose unha actuación importante no Parque Eloísa Rivadulla.
Seguimos tendo a máxima distinción, 4 flores, no certame de Vilas en Flor. Este ano puxemos en marcha o Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns que funcionou moi ben e para o ano faremos dúas modalidades, para a vila a e para o medio rural, non é o mesmo un balcón que unha casa cun xardín ao carón.
O 2024 deixa tamén un aumento de visitantes e peregrinos que se achegan a Chantada
A verdade é que si, temos que seguir insistindo para dar os mellores servizos posibles para unha vida agradable no noso concello. O servizo da Oficina de Turismo de Chantada vén de obter a distinción da Q de Calidade e S de Sustentabillidade. A restauración e a hostalaría de Chantada esfórzase na atención e creo que nuns días vanse abrir dous locais, o que me alegra moitísimo porque temos unha iniciativa privada que completa os servizos que ofrece o concello aos visitantes.
Que previsión hai para aprobar os orzamentos do próximo ano?
Queriamolos ter aprobado neste ano, pero non foi posible, case con toda seguridade no pleno ordinario de xaneiro. Agora estamos en pechar o ano porque antes do 31 de decembro o concello ten que pagar todas as obras que se fixeron.
Moitas desas obras son con axudas da Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e do Goberno Central e o concello adianta os cartos, despois remítennos as axudas. Isto crea remanentes de tesourería que este ano estarán ao redor do millón de euros. Non é débeda, son cartos aforrados que despois o Concello executa obras para darlle saída a ese diñeiro e ofrecer máis servizos á poboación.
Preferimos non facer esas aportacións nos orzamentos e cando se ten xusto o remamente faise unha modificación orzamentaria para investir ese diñeiro.
Que espera o Concello de Chantada do novo ano?
Adquirimos no Cantón, a casa coñecida como a Academia para ampliar as dependencias municipais. En canto teñamos o proxecto dirixirémonos ás adminitracións correspondentes para comezar as obras canto antes.
Estamos a traballar codo con codo coa Confederación Hidrográfica Miño Sil e cun investimento de 2 millóns de euros imos a canalizar 6 regatos que viñan á rede de saneamento e imos derivalos aos ríos para mellorar o funcionamento da depuradora. Con Augas de Galicia levaremos rede de sumidoiros a varios núcleos que aínda carecen del no municipio.
Probablemente sexa posible ampliar os paseos fluviais na marxe de arriba do Sangoñedo e pola zona do Mercado Gandeiro. Esperamos que fructifiquen as relacións que estamos tendo coa Confederación. Agora vimos de aprobar unha moción do PSOE, coa abstención de Por Chantada, para facer unha ponte sobre o Asma. Se nos fan esa ponte habería que recibir con alfombra vermella ao Presidente da Confederación, aquí en Chantada.