Declaración Institucional 8M do Concello de Chantada

Este sábado, 8 de marzo, ás 12:00h a concelleira de Igualdade do Concello de Chantada, Pamela Fernández, leu o manifesto deste #DíadaMuller na carpa na que se celebra a 42 Feira do Viño de Chantada.
MANIFESTO
Estamos abrindo a Feira do Viño … e nun día coma hoxe… 8 de marzo, de novo dicimos que as mulleres, necesitamos ser escoitadas, recoñecidas e valoradas polo noso traballo e polas nosas capacidades.
Aquí na Ribeira Sacra, o papel da muller vitcultora sempre foi o mesmo que o do home; simplemente foi moito menos visible.
As mulleres en Galicia sempre traballamos no campo, pero con dobre carga, porque a casa tamén era a nosa competencia. A muller posuía terras, pero o que facía os tratos ou a parte visible dos negocios era o home.
Afortunadamente isto está a cambiar e por fin estamos a recuperar os espazos perdidos. As mulleres poden e deben ocupar calquera posto na adega e no proceso de elaboración do viño: comerciais, enólogas, vitucultoras ou postos de dirección.
A muller é a columna vertebral das comunidades: fixa poboación e mantén unidos os nexos da comunidade a través de prácticas e ritos de transmisión oral compartidos xeracionalmente. É importante visibilizar e defender esta achega fundamental á cultura e historia dun territorio.
Hoxe, 8M, alzamos as nosas voces e dicimos, forte e claro, que as mulleres si queremos frear as desigualdades e esiximos un cambio estrutural.
AS MULLERES NON queremos:
-Non queremos ser obviadas na linguaxe, nin no oral, nin no escrito!
-Non queremos ser cousificadas. Os nosos corpos non son territorio de conquista, nin obxectos suxeitos á opinión doutras persoas. Non somos obxectos nin mercadorías, somos persoas autónomas, suficientes e estamos fartas de prácticas sexistas e estereotipos que condicionan cara unha forma de ser e de existir.
-Non queremos ser utilizadas. Estamos cansas de esforzarnos nos nosos traballos e logo ser privadas do recoñecemento do mesmo.
-Non queremos simulacións en materia de igualdade. Necesitamos que os pasos que se dean sexan verdadeiros; que as políticas públicas en materia de igualdade aborden os retos e desafíos reais que enfrontamos as mulleres no día a día.
-Non queremos traballos precarios, con soldos que non cheguen a final de mes. Tampouco queremos recibir un menor salario que un home por un traballo igual. Nin ser estigmatizadas no traballo por solicitar permisos para realizar tarefas de coidados.
-Non queremos maternidades forzadas. Ser nai ten que ser un exercicio libre e que non se nos cuestione por non querer selo. Rexeitamos as cargas mentais por non corresponder ao tipo de muller ideal que a sociedade nos trazou.
-Non queremos que as tarefas de coidados recaían en nós exclusivamente. Non queremos ese traballo invisibilizado que nos obriga a cumprir unha dobre e, ata unha triple, xornada.
-Non queremos vivir violencias machistas, nin máis agresión sexuais.
-Non queremos actuacións omisas por parte das institucións. Tampouco unha sociedade negacionista das desigualdades de xénero que constrúa vínculos baseados na violencia e na xustificación das violencias machistas.
AS MULLERES SI queremos:
-Traballar coordinadamente en condicións de traballo que garantan a igualdade salarial e o empoderamento das mulleres;
-Queremos romper o teito de cristal e combater as prácticas sexistas en todos os ámbitos;
–Queremos sensibilización a todos os niveis en materia de igualdade;
-Queremos homes corresponsables e espazos de traballo que permitan a conciliación.
As mulleres somos diversas, con condicións, necesidades e problemáticas particulares. Por tanto, necesitamos recursos e alternativas acordes ás nosas necesidades para lograr transformar as nosas condicións particulares.
Desde o Concello de Chantada mostramos o noso compromiso pola igualdade e manifestamos a nosa disposición para tender pontes en favor dos dereitos das mulleres.