3 días de actividades con cata oficial, cata popular e Túnel do Viño

Nesta 42 Feira do Viño de Chantada que se celebrou na vila do Asma do 7 ao 9 de marzo, o viño foi un ano máis o protagonista. Na carpa da Feira contábase con representación de 15 adegas para abrir a rolda de Feiras do Viño na D.O. Ribeira Sacra. As 15 adegas participantes foron: Adega Lareu Sabatelivs, Adegas e Viñedos Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Castrofiz, Adega Os Cipreses, Adega Alouviño, Adega Enonatur, Adega Calexotes, Adega Santa María de Nogueira e Adega Teijeiro Lemos.
Para facer do viño o eixo da cita contouse ademais con actividades en paralelo vinculadas ao sector. Así fai 9 anos comezouse coa celebración da Cata Popular, “Queriamos ofrecer máis que a Feira con cata oficial. Introducimos unha proposta para facer partícipe dos premios ao público que asiste á Feira. Darlles, coa cata popular o poder de decidir quen se levaba o premio ao mellor tinto novo”, explica Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada. Así para organizar as propostas complementarias cóntase cada ano con Vinosacra.es Almacén e a Escola de Hostalaría Belarmino Fernández Iglesias, colaborando no servizo.
Para participar na cata popular, por 5€ adquírese a copa e a ficha de cata para catar os 15 viños da Feira. Preténdese que os participantes na cata popular proben todos os viños e ao remate depositen as súas valoracións na urna que se coloca para a ocasión.
Viños máis destacados da Cata Popular:
- Albarduxe 2024 de Adega Albarduxe S.C.
- Diego de Lemos Mencía Ecolóxico 204 de Adega Teijeiro Lemos S.L.
- Cabo do Mundo Mencía 2024 de Adega Cabo do Mundo S.L.
Outra das actividades complementarias é o Túnel do Viño, que se organiza no hall do Auditorio Municipal desde fai 5 anos. “Este enfoque é máis formal, pero aberto a todas as persoas interesadas. Creo que é unha actividade fundamental nunha Feira do Viño. É un espazo moi interesante onde a xente debería acudir antes de entrar ao recinto da Feira para coñecer dun modo máis recollido os distintos viños”, explica Bruno Lovelle de Vinosacra.es Almacén.
A participación no Túnel do Viño ten un prezo de 10€ e dá acceso a todos os viños de todas as adegas participantes na Feira do Viño. Preséntase cada viño cunha ficha sinxela e unha referencia do viño. Un sumiller profesional recibe aos participantes na entrada recomendando a secuencia de cata e atende durante a cata as posibles dúbidas técnicas das persoas participantes.
A outra actividade que ten o viño como protagonista é a Cata Oficial que este ano se celebrou o sábado, 8 de marzo, en horario de mañá no Auditorio Municipal de Chantada. Faise unha cata final cega, sen precata. Para a avaliación dos viños cóntase cun panel de cata con 8 expertos en análise sensorial, representantes da Asociación Galega de Enoloxía, (A.G.E), de Asociacións de Catadoras de Galicia, Prensa Especializada e Membros do Panel de Cata do Consello Regulador da Ribeira Sacra.
Na cata oficial premiáronse 11 viños como os mellor valorados polo panel de cata:
VIDE GRAN OURO (96 – 100 puntos)
- Os Cipreses Rosado 2024 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
- Albarduxe 2024 de Adega Albarduxe S.C.
- 22º 2023 de Adega Alouviño S.L.
VIDE DE OURO (90 – 95 puntos)
- Condado de Sequeiras Godello 2024 de Adega Condado de Sequeiras / Grupo Peago S.L.
- Calexotes Godello 2024 de Adega Calexotes / Edelmiro Domínguez González
- Cabo do Mundo Mencía 2024 de Adega Cabo do Mundo S.L.
- Lagar do Vento / do Peizás 2023 de Adega Enonatur /Roberto Regal López
- Cabo do Mundo Mencía 2023 de Adega Cabo do Mundo S.L.
- Os Cipreses Mencía 2023 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
- Castrofiz Barrica 2022 de Adega Castrofiz / José Luis Fernández Pedreira
- Cypressus 2023 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
Ademais dos premios, todas as adegas participantes recibiron un agasallo por acudir a esta edición da Feira do Viño de Chantada. Unha edición que serviu tamén de lembranza e homenaxe ao adegueiro, Mario Vázquez Regal, fundador da adega Viña Garoña. Vázquez Regal falecía en xaneiro deste ano e o domingo a Conselleira do Medio Rural e o alcalde de Chantada facíanlle entrega dunha lembranza á súa viúva. “Foi un dos pioneiros, a Feira do Viño de Chantada comezou con el, e como recolle a placa que entregamos desde o Concello, agradecerlle a súa inestimable achega ao desenvolvemento vitivinícola e social deste municipio. Grazas Mario”, lembra Manuel Lorenzo Varela a Vázquez Regal.
