Actual, Concello, Novas|

A programación do 8M complétase cunha exposición e un xincana infantil

O Auditorio Municipal de Chantada acollía este 21 de marzo unha das actividades centrais dentro da programación do Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller.

Na III Mesa Coloquio do 8M deuse cita un interesante grupo de mulleres vencelladas a Chantada. Todas tiñan en común a súa profesión como mulleres investigadoras, “unha profesión ás veces descoñecida e non sempre valorada. Queriamos darlle visibilidade a estas profesións de carácter máis científico e investigador, e ofrecerlles ás nenas referentes de investigadoras mulleres en distintos ámbitos”, explica a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández.

Repasaron inquedanzas, facilidades e/ou dificultades profesionais e persoais derivadas da súa carreira investigadora as seguintes mulleres:

  • Tamara González López, Profesora Axudante doutora Universidade da Coruña, Departamento de Economía, Área Historia e institucións económicas, Grupo de investigación, Grupo de Estudos de Historia da Empresa. Tesis doutoral: Prácticas colectivas nas comunidades parroquiais da Galicia interior séculos XVI-XIX. Tamara explicaba a importancia que teñen no desenvolvemento da súa profesión o apoio familiar e o doutras mulleres, “Ao longo das distintas etapas atopei sempre mulleres, mentoras e compañeiras que puiden tomar como referentes de sororidade e apoio. Entreoutras, a miña directora de tese de doutoramento, Ofelia Rey Castelao”.
  • Tania Vázquez García, Investigadora en Formación e Perfeccionamento. Grupo Investigación: Románicas (Filoloxía, Literatura medieval) Graduada en Linguas e Literaturas Modernas, no itinerario de Filoloxía Románica, coa mención de Premio Extraordinario polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Participou con comunicacións en varios congresos internacionais e algúns dos seus traballos xa foron publicados e están incluídos dentro dos proxectos Voces de mulleres na Idade Media: realidade e ficción (séculos XII-XIV) e Voces, espazos e representacións femininas na lírica galego-portuguesa.
  • Rosa Montes Goyanes, Profesora axudante doutora USC. Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química. Leva publicados máis de 80 artigos científicos e 5 capítulos de libros e participado en 20 proxectos de investigación e 5 redes de investigación con financiación nacional e internacional. Centra a súa investigación na USC, no estudo da contaminación e na avaliación da presenza de sustancias químicas no medio ambiente desde a perspectiva “One Health” ou unha saúde global. Actualmente vinculada ó centro ARCUS (instituto de investigación do medio acuático para unha saúde global” da USC.
  • Cristina Fente Sampayo, Catedrática, Investigadora en Microbiota e Probióticos USC da Facultade de Ciencias. Agrupación estratéxica de I+D+i: Agrupación Estratéxica en Xestión e Produción sustentable de Biorrecursos (BioReDes). Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Estudo da contaminación fúnxica en queixos galegos de pasta branda. Nos últimos anos centrou a súa investigación no impacto dos novos alimentos funcionais na saúde humana, con especial interese na nutrición infantil. Ten participado en 50 proxectos de investigación de alcance internacional, nacional e autonómico, e colaborado con empresas en máis de 100 contratos de investigación da USC.
  • Paula López Pérez, Investigación en ciencias da vida e da saúde, enxeñaría de tecidos. Doutora en Enxeñaría Biomédica, traballou nos laboratorios de cinco países, o que lle permitiu coñecer de primeira man os desafíos que enfrontan os investigadores en diversas etapas profesionais e entornos culturais. Desde 2019 traballa no i3S en Porto para promover contornas de investigación equitativas e estratexias que impulsen o crecemento de investigadores. Xestiona as carreiras das/os investigadoras/es no Equipo de traballo do Plan Igualdade de Xénero en investigación.   

Pamela Fernández destaca a categoría das profesionais que interviron na mesa coloquio moderada pola xornalista, Lorena Gallardo. Todas as participantes coincidiron na necesidade de dar un paso ao fronte para ocupar os postos onde se toman decisións. O Concello de Chantada agasallou a todas as relatoras e á moderadora con pezas de cerámica creadas e pintadas pola artista chantadina, Beatriz Palomero.

A programación para celebrar o 8M en Chantada complétase coa mostra, Coreografías do Facer, que se atopa a exposición na igrexa nova de Chantada e coa Xincana pola Igualdade que celebrarán os colexios, Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, o 23 de abril.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca